A USC baralla eliminar a esixencia de idioma estranxeiro para obter o grao

Reitorado da USC © Santiago Turismo

A Universidade de Santiago, ao igual que moitos outros centros, esixe dende hai tempo a acreditación do dominio dun idioma estranxeiro (nivel B1) para a obtención do título de grao. Porén, o ano pasado o TSXG estableceu nunha sentenza que non se pode esixir ese requisito se non está previamente incluído no plan de estudos desa titulación.

De entrada, procederá a expedir os seus títulos a todos aqueles e aquelas estudantes que non o puideron obter por carecer da demandada acreditación

A sentenza, que foi confirmada polo Tribunal Supremo hai uns meses, obriga polo tanto á Universidade de Santiago a eliminar esa esixencia daqueles graos que non a contemplan expresamente nos seus plans, ao redor de entre 15 e 20 titulacións. Porén, a institución anunciou este martes que baralla ir máis aló e suprimir completamente o requisito en todos os graos, mesmo naqueles nos que ata agora si figuraba legalmente.

De entrada, procederá a expedir os seus títulos a todos aqueles e aquelas estudantes que non o puideron obter por carecer da demandada acreditación de coñecemento de inglés, francés ou outra lingua. Ademais, o claustro debaterá a supresión definitiva deste requisito, co argumento de que non se pode esixir como obrigatoria unha formación que non foi achegada pola propia universidade.

O TSXG estableceu nunha sentenza que non se pode esixir ese requisito se non está previamente incluído no plan de estudos desa titulación

A sentenza que motiva esta decisión foi produto da reclamación dun estudante do Grao de Historia que iniciara a carreira en 2011 e a quen lle foi denegado o título por non ser aceptada a documentación acreditativa do seu coñecemento de francés. O alumno recorreu posteriormente ao tribunal contencioso-administrativo, que tampouco lle deron a razón, pero o recurso de apelación examinado polo TSXG revogou a sentenza inicial. “Ao non acharse no plan de estudos aprobado e publicado a esixencia de coñecemento do nivel B1 da lingua estranxeira, non cabe impoñela para a obtención do título”, concluíu o tribunal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.