A Uvigo terá dobres titulacións con universidades portuguesas

Grupo de traballo sobre turismo da Uvigo e os dous centros do norte de Portugal © Universidade de Vigo

As universidades galegas e as portuguesas, sobre todo as do norte do país, están cada vez máis cerca, afianzando as vías de colaboración e proxectos conxuntos. O pasado venres a Universidade de Vigo asinou un convenio coa Universidade de Trás-os-montes e Alto Douro (UTAD) e co Instituto Politécnico de Porto (IPP) que permitirá, entre outras cousas, a creación de dobres titulacións de grao compartidas entre a Uvigo e as universidades do sur do Miño. Este acordo únese a outras iniciativas, coma o programa Iacobus de mobilidade entre as universidades da eurorrexión, que se puxo en marcha neste curso, e no que participan as tres institucións galegas e catro do norte de Portugal.

O convenio, centrado sobre todo no Campus da Auga de Ourense, permitirá de inmediato iniciar o deseño dun mapa de dobres titulacións e buscar proxectos de investigación internacionais

O convenio, centrado sobre todo no Campus da Auga de Ourense, permitirá de inmediato iniciar o deseño dun mapa de dobres titulacións e buscar proxectos de investigación internacionais cos que captar estudantado e achegas económicas. O acordo busca, segundo o vicerreitor do campus de Ourense, Virxilio Rodríguez, “potenciar e incrementar as sinerxías en investigación e docencia”. De igual xeito, na sinatura deste acordo de colaboración, que tivo lugar en Porto, o reitor Salustiano Mato salientou que "con este paso que deron os nosos investigadores estamos demostrando que non quedamos soamente nun protocolo, nun papel firmado, senón que mesturamos os nosos saberes para seguir traballando nunha fábrica de proxectos que vai posibilitar o desenvolvemento económico de Galicia e do Norte de Portugal”.

A colaboración centrarase inicialmente nos ámbitos do turismo, a auga e a alimentación

A colaboración centrarase inicialmente nos ámbitos do turismo, a auga e a alimentación, en materias coma o márketing de cidade, o xeoturismo, o comportamento do turista, o turismo cultural, a arqueoloxía industrial, os usos sostibles da auga, as novas tecnoloxías en tratamento de augas residuais, o aumento da competitividade das empresas cos productos alimentarios rexionais ou a innovación alimentaria.

 

Outras iniciativas transfronteirizas

Son varias as iniciativas e proxectos que dende hai tempo estreitan as distancias entre as universidade situadas ao norte e ao sur do Miño, convertendo o ámbito da educación superior nun dos nexos de unión e colaboración entre Galicia e Portugal máis desenvolvidos. En abril os reitores das tres universidades galegas e os de catro portuguesas (Minho, Porto, Tras-os-Montes e Alto Douro e Universidade Católica) asinaron un convenio para poñer en marcha un programa de mobilidade específico na Eurorrexión, chamado Iacobuse que entrou en vigor co inicio do actual curso.

En abril sete universidades asinaron un convenio para poñer en marcha un programa de mobilidade específico na Eurorrexión, chamado Iacobus, e que entrou en vigor co inicio do actual curso

Ten como obxectivos fomentar a mobilidade de investigadores, profesores e persoal de administración e servizos do espazo universitario luso-galaico coa finalidade de promover proxectos formativos e de divulgación científica en común. Ademais, servirá de marco para a edición de publicacións e proxectos científicos e de cooperación educativa. A iniciativa súmase e complementa outros convenios de colaboración que de xeito individual xa estaban en marcha entre as institucións. Por exemplo, a USC ten convenios en vigor coa Universidade do Minho, a Universidade Nova de Lisboa ou o Instituto Superior de Administração e Gestão de Porto. Iacobus xa comeza a amosar os seus primeiros resultados. Ao abeiro deste programa de colaboración investigadores do proxecto Oceanus da Universidade de Porto visitaron durante unha semana centros e grupos de investigación do Campus do Mar da Universidade de Vigo, mantendo xuntanzas de traballo cos investigadores e investigadoras galegas.

De igual xeito, en agosto o Ministerio de Economía, a Xunta de Galicia e o Goberno portugués mantiveron unha xuntanza a tres bandas na que se estudou intensificar a colaboración de Galicia e o Norte de Portugal no Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía de Braga (INL),un organismo creado por España e Portugal en 2009, cun investimento de 100 millóns de euros, co obxectivo de actuar como base de cooperación científica e tecnolóxica de excelencia no campo da nanociencia e a nanotecnoloxía.

O Ministerio de Economía, a Xunta de Galicia e o Goberno portugués estudaron intensificar a colaboración de Galicia e o Norte de Portugal no Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía de Braga

Tamén vén de poñerse en marcha o Gabinete de información da Eurorrexión, que busca aglutinar toda a información dispoñible sobre a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal co obxectivo de incrementar o seu valor e difusión cara a novas iniciativas económicas, de innovación ou turísticas. O Gabinete dotarase dunha aplicación informática que permita o uso compartido da información e está concibido como un centro de recursos que impulsará a promoción da imaxe dos recursos e potencialidades deste área, así como o incremento da cooperación transfronteiriza e a proxección e aumento da súa notoriedade externa.

Sinatura do convenio de colaboración © Universidade de Vigo
Grupo de traballo sobre turismo da Uvigo e os dous centros do norte de Portugal © Universidade de Vigo
'Foto de familia' dos e das investigadoras e representantes das tres universidades © Uvigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.