A Xunta culpa os estudantes. Tras o desaloxo policial duns 50 rapaces pechados na Biblioteca Municipal de Ourense, a Consellería de Educación emitiu unha nota na que denuncia "os estragos ocasionados" polos mozos, aos que acusa de querer "permanecer indefinidamente nas instalacións ocupadas". Logo de que os concentrados, que protestaban contra os recortes no ensino público, denunciasen a violencia policial e as agresións sufridas de madrugada por parte dos axentes, o Executivo galego critica danos "no mobiliario" e culpa os concentrados de "romper unha mesa, provocar danos nos andeis e facer desaparecer unha bandeira de España".
"Deixaron no habitáculo ocupado bandeiras comunistas e nacionalistas galegas"
"O local ofrecía ademais un aspecto de suciedade polos restos de comida e bebida e candeas que os desaloxados deixaron atrás", insiste a Xunta, que advirte que "os feitos foron postos en coñecemento do xulgado de instrución de garda". Ademais, na nota a Consellería de Educación destaca que os estudantes "tiñan colocadas pancartas asinadas por Galiza Nova, Xuventudes Comunistas, Estudiantes sen Futuro e AMI", e tamén que "deixaron no habitáculo ocupado bandeiras comunistas e nacionalistas galegas".
A Xunta puxo os feitos "en coñecemento do xulgado de instrución de garda"
O Executivo galego "reproba, lamenta, e condena este tipo de ocupación de espazos públicos que non fai senón causar prexuízos para os seus habituais usuarios, e anuncia que non permitirá que os causantes de estragos en mobiliarios públicos queden impunes".
Galiza Nova sinala o PP como responsable do desaloxo violento
A secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, criticou duramente “a acción violenta e desproporcionada da policía española” tras o desaloxo da madrugada do mércores en Ourense e amosou a súa repulsa ante unha actuación que cre que ten “un responsábel político: o Partido Popular”.
Para Aboi, o desaloxo é "un feito gravísimo e moi preocupante porque o PP está máis preocupado por calar a contestación social ante os recortes que por garantir un servizos públicos que son de todas e todos”. Segundo Galiza Nova, o PP "ten que rectificar porque xa non é só un problema polo recorte de servizos públicos. É un problema para a liberdade de expresión", tras engadir que "non ten xustificación de ningún tipo tratar de boicotear ou reprimir as mobilizacións contra as súas políticas, sexan cidadás, sexan estudantís". A organización xuvenil nacionalista lembrou tamén que o Partido Popular xa presionou para impedir o éxito da folga do 10 de maio.
Ademais, o BNG de Ourense quixo "amosar o seu apoio e solidariedade coas mozas e mozos das organizacións que secundaron o peche" e "condenar a brutalidade policial coa que foron desaloxadas". A agrupación local nacionalista anunciou que apoiaría a concentración de protesta na cidade das Burgas.
O periódico Diagonal inclúe unha galería con imaxes do desaloxo dos estudantes de Ourense.