A Xunta obriga a USC a suspender a convocatoria de 16 prazas de profesor

Reitorado da USC © USC

O pasado mes de xuño USC convocou 16 prazas de profesor nas áreas de Economía Financiera, Edafoloxía, Electrónica, Enxeñaría Química, Estatística, Filoloxía Galega, Física Aplicada, Física Teórica, Historia da Arte, Música, Historia Moderna, Microbioloxía e Nutrición. Porén, unhas semanas despois o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas interpuxo un recurso contencioso-administrativo contra a convocatoria baséandose no Real Decreto-lei 20/2011, de 30 de decembro, de medidas urxentes, que prohibía a incorporación de novo persoal ás administracións públicas, agás en casos excepcionais.

A Universidade de Santiago tentou negociar algún tipo de medida que permitise manter a convocatoria, aínda que variase o procedemento. Deste xeito o 21 de setembro suspendeu esas prazas pero negociou coa Xunta a súa convocatoria como persoal laboral contratado. Sumounas ademais ás 18 do persoal que levaba encadeando contratos administrativos dende hai case trinta anos nalgúns casos. 

Porén, colectivos universitarios como Na Encrucillada, facíanse eco nas últímas semanas de que a Xunta tiña tomada unha decisión de paralizar esta convocatoria dende hai semanas, pero que a ía manter oculta até a celebración das eleccións galegas. Sexa como for, o 25 de outubro a Consellaría de Cultura comunicoulle á USC que non tiña autorización para continuar coa convocatoria. E o 26 a Reitoria tomou a decisión de suspendela "cautelarmente".

Resolución reitoral que suspende a convocatoria © Na Encrucillada

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.