A Xunta presume do escaso seguimento dunha folga 'descafeinada' no ensino

Cartel a prol do ensino público nun centro galego CC-BY-SA Praza Pública

Guerra de números, unha vez máis. A Consellería de Educación cifra nun 3,36% o seguimento da folga xeral no ensino por parte dos docentes en educación infantil, secundaria e primaria en Galicia, mentres que CCOO eleva o seguimento a máis do 30%. O paro total (en todas as etapas educativas incluída a Universidade), foi convocado a nivel estatal por CCOO, FETE-UGT, ANPE, CSIF e STES-I, pero tan só foi secundado no país por Comisións, ademais de por ANPE e CSIF, aínda que sen excesivo entusiasmo. UGT e os sindicatos nacionalistas decidiron non apoiar a convocatoria ao entender que a data non era a máis axeitada e que os recortes xa aplicados pola Xunta e as folgas apoiadas hai meses provocaran "o desgaste" da comunidade educativa. 

"A resposta, tendo en conta as circunstancias, foi a esperada", di CCOO

"A resposta, tendo en conta as circunstancias, foi a agardada", aclara Machús Fernández, secretaria xeral de CCOO-Ensino, que sabe que "a data non era a máis axeitada" e que "o desgaste do profesorado e a falta de unión sindical" influíron moito á hora de secundar o paro. No entanto, e malia que "un sempre espera máis", o sindicato amósase satisfeito coa resposta  e destaca "o apoio amosado por moitos pais que non mandaron os fillos a clase" en solidariedade coas protestas ante os recortes levados a cabo polo Goberno central no ensino público. De feito, o apoio do alumnado foi maior que o dos docentes. Ademais, destacan as dificultades para recabar datos por parte do sindicato ante os problemas técnicos do correo electrónico, algo que atribúen "a unha coincidencia ben estraña". 

O seguimento na Universidade foi do 90%, segundo Comisións

Para Machús Fernández, a cifra de participación pode considerarse un "éxito", xa que no último ano "o persoal educativo secundou varias folgas sectoriais e unha folga xeral, ademais de numerosas mobilizacións de todo tipo". "E todo tamén malia que algunha organización sindical boicoteou activamente a convocatoria de folga", denuncia CCOO, que destacou o seguimento do 90% nas universidades galegas, onde "tan só se fixeron exames", pero onde tamén é difícil calibrar a incidencia do paro ao comezar xa o periodo sen clase. "Na Universidade da Coruña, o paro foi case total por parte do profesorado e total por parte dos estudantes", destaca Comisións, que cifra o seguimento do persoal docente en algo máis do 50%, tanto na de Santiago como en Vigo.  

A Xunta cre que a folga "non ten sentido ningún" e destaca "a súa escasa incidencia"

No entanto, o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, destacou "a escasa incidencia" da convocatoria de folga, que cre que "non ten sentido ningún". Así, defende que a aplicación real do decreto do Estado "non supuxo incremento de ratios ou eliminación de bacharelatos en Galicia grazas ao feito nos tres últimos anos". Para a Xunta, as cifras evidencian que "a comunidade educativa está entendendo e valorando o esforzo que a Xunta fai a prol do ensino". 

A nivel estatal, os sindicatos cifran o seguimento nun 80%, mentres que o Goberno fala de menos do 20% de apoio. "Estamos moi satisfeitos polo apoio que tivo a folga. Considerámolo un éxito rotundo", afirmou o secretario xeral de FE-CC.OO, José Campos, que destacou o apoio "espectacular" á folga do colectivo de profesores de Aragón, Asturias e Murcia fronte ao de Canarias, Galicia, Ceuta e Melilla, onde o resultado de participación foi menor.

Segundo os sindicatos, o seguimento da folga por comunidades autónomas foi o seguinte: Andalucía, 62% en ensino non universitario e 95% en universitaria; Aragón, 73,5% e 65%, respectivamente; Asturias, 80% e 20%; Canarias, 25% e 75%; Cantabria, 75% e 60%; Castela-A Mancha, 65% e 70%; Castela e León, 65% e 30%; Cataluña, 70% e 50%; Cauta, 50% e 80%; Estremadura, 70% e 55%; Galicia, 30% e 90%; Madrid, 65% e 75%; Melilla, 50% e 80%; Murcia, 75% e 98%; Navarra, 70% e 30% e Comunidade Valenciana, 65% e 85%.

Cartel a prol do ensino público nun centro galego CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.