A Xunta solicítalle a Google a tradución ao galego de Android

A directora da Amtega, Mar Pereira, na rolda de prensa de presentación do plan © Xoán Crespo

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) da Xunta presentou este luns o Plan de Software Libre 2013, que desenvolverá máis 120 actuacións para impulsar o seu uso no sector empresarial, na sociedade en xeral e avanzar na súa implantación na Administración, cun investimento de 923.000 euros. Unha das iniciativas máis salientables é a solicitude que a Axencia lle realizará a Google para que traduza ao galego o sistema operativo Android. Con esta iniciativa búscase que este sistema operativo, baseado en software libre, estea dispoñible en galego para todos os cidadáns, independentemente do terminal que empreguen.

Este Plan desenvolverase en colaboración coas asociacións galegas de usuarios de software libre (AGUSL), as empresas do sector (AGASOL), o Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG, que integra as tres universidades) e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG).

A finais de 2013 coñecerase o resultado da análise exhaustiva que se está realizando sobre a viabilidade da migración a software libre dos ordenadores dos empregados da Administración Xeral

No eido da Administración, a directora da axencia, Mar Pereira, destacou que a finais de 2013 se coñecerá o resultado da análise exhaustiva que se está realizando sobre a viabilidade da migración a software libre dos ordenadores dos empregados da Administración Xeral. O estudo, que realiza AGASOL, identificará o impacto económico do cambio a ferramentas ofimáticas de fontes abertas nos postos de usuario, así como as necesidades tecnolóxicas, organizativas e formativas que require esta medida. Con esta información elaborarase o plan de migración. No eido educativo, a terceira fase de Abalar permitirá a instalación de 200 novos servidores de centros e a actualización doutros 450 baseados en software libre.

A tendencia no uso do software libre nos últimos ano mantivo unha progresión ascendente no ámbito empresarial. A finais de 2012 case o 74% das empresas empregaban aplicativos libres, chegando ao 82% no caso das empresas do sector TIC. Desde 2008 o uso do Sistema Operativo Libre incrementouse en 13,1 puntos porcentuais acompañado dun descenso de 15,1 puntos no uso de sistemas operativos privativos. No caso das empresas TIC este aumento chegou a 24,4 puntos.

A directora da Amtega, Mar Pereira, na rolda de prensa de presentación do plan © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.