Aberto o prazo de matrícula da VII edición do Masterterra

Cartel do masterterra © USC

Este venres abriuse o prazo de matrícula para a VII Edición do Masterterra, Máster Oficial en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio, que se impartirá no Campus de Lugo da USC no curso 2016-2017. O prazo de matrícula estará aberto ata o 4 de agosto.

Esta disciplina, máis coñecida como masterra, é unha actividade pioneira a nivel nacional, pois de todas as universidades españolas tan só o campus lucense a ofrece dende unha perspectiva multisectorial. Orientada a un perfil académico do investigador, está especializada na optimización da extensa riqueza territorial galega, lucense e española. 

A modalidade telepresencial é outro dos aspectos que fan que esta sexa unha iniciativa única no ámbito universitario español. A través deste sistema, a Escola Politécnica ofrece a posibilidade de que alumnos e alumnas estranxeiras e doutras universidades do Estado completen o curso sen necesidade de desprazarse a Lugo, participando no desenvolvemento da actividade lectiva nas aulas. Cada ano, este tipo de formación se vai consolidando máis, de tal xeito que é acollida por un bo número de estranxeiros e estranxeiras. Concretamente, e segundo as estatísticas que manexa a organización, o 15% do estudantado adoita ser internacional, preferentemente de Brasil, México, Colombia, Portugal e República Checa; entre o 15-20% do resto do Estado español e, o resto, de Galicia.

O máster conta con 60 créditos e 22 prazas, da que 3 son a tempo parcial e 8 reservadas para alumnos de fóra do territorio Español. A matrícula pode realizarse a través da páxina oficial da USC. Ten unha duración de ata dous anos como máximo. Trata a xestión territorial, integrando coñecementos doutras titulacións como as Enxeñerías de Montes ou Agrónomos, Arquitectura, Xeografía ou Economía. As materias que se imparten están relacionadas coa política de desenvolvemento do territorio, a xestión das terras, a avaliación dos plans urbanísticos, valoracións catastrais ou técnicas de análise de información espacial como os coñecidos xeoradar ou drons. Ten, por tanto, unha relevante e aplicación práctica en cada metro cadrado do territorio, ben sexa este urbano ou rural.

Dezaséis profesionais expertos na materia e outros quince visitantes integran o persoal docente. Conta coa colaboración e financiamento de entidades públicas e privadas, como a Deputación de Lugo ou a Fundación Juana de Vega. Os mellores proxectos de fin de máster tamén serán publicados pola USC.

 

Cartel do masterterra © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.