Os últimos datos proporcionados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre equipamento e uso das tecnoloxías da información e comunicación nos fogares en 2012 indican que conexión a Internet está presente no 63% dos fogares galegos, un 18,2% que en 2011. Deste xeito Galicia acurta distancias coa media estatal que está no 67,9%. Este incremento é o maior rexistrado en Galicia nos catro últimos anos e case triplica ao incremento do Estado (6,3%). Galicia crece por riba do conxunto do Estado e reduce fenda dixital coa media estatal en case seis puntos pasando de 10,6 puntos en 2011 a 4,9 puntos en 2012.
Galicia crece por riba do conxunto do Estado e reduce fenda dixital coa media estatal en case seis puntos pasando de 10,6 puntos en 2011 a 4,9 puntos en 2012
En canto ao tipo de conexión, o 62,3% dos fogares de Galicia están conectados á Rede mediante banda larga, un 20,7% máis ca no ano 2011 mentres que no conxunto do Estado a media é do 66,7% e o incremento foi dun 7,8%. A Comunidade ascende tres postos no ranking autonómico, tanto no acceso de Internet coma no tipo de conexión de banda larga.
Cabe salientar que entre as vivendas que dispoñen de acceso a Internet en Galicia un 30,5% accede a través dun dispositivo de man (teléfono móbil de últimas xeracións), 3,6 puntos máis que a media estatal. A conexión a Internet a través de rede por cable ou fibra óptica sitúase nun 24,3%, máis de 7 puntos por riba da media estatal (17%).
A conexión a Internet nos núcleos de poboación de 50.000 a 100.000 habitantes supera á media estatal en 2,3 puntos
O hábitat poboacional segue a ser un dos factores que determinan claramente a fenda dixital existente en Galicia, non obstante, a conexión a Internet nos núcleos de poboación de 50.000 a 100.000 habitantes supera á media estatal en 2,3 puntos e nos núcleos de menos de 10.000 habitantes este indicador medra case un 30% respecto ao ano 2011 fronte ao 9% de crecemento estatal neste tipo de hábitat.
Equipamento e uso dasTIC
Segundo os datos que ofrece o INE, o 68% dos fogares galegos dispón dalgún ordenador, o que supón un incremento do 4,1% con respecto aos datos do ano anterior. A media estatal (73,9%) rexistrou un incremento (3,4%) inferior á media galega. O 66,1% dos galegos e galegas utilizaron o ordenador nos últimos tres meses, un 6,3% máis que no ano 2011, reducindo a diferenza coa media estatal (72,2%) en un punto porcentual. Un 63,5% da poboación galega empregou Internet nos tres últimos meses, cun incremento do 8,5%, con respecto ao ano anterior. O ritmo de crecemento do conxunto do Estado (4%) é inferior ao galego neste período, permitindo reducir a diferenza coa media estatal en 2,3 puntos porcentuais. Non obstante, a media estatal (69,8%) supera en 6,3 puntos porcentuais á media galega.
A enquisa do INE indica que un dos crecementos máis notables produciuse nas compras a través de Internet. Un 21,4% da poboación galega adquiriu algún produto ou servizo nos últimos tres meses, un 20,9% máis que no ano 2011 e situándonos a menos de un punto da media estatal e na novena posición no ranking autonómico.
Un 80,9% dos internautas galegos le xornais ou revistas en liña, 5,1 puntos porcentuais por riba da media estatal
O uso dos servizos de comunicación avanzada por Internet, por parte dos internautas galegos presenta nalgúns indicadores uns valores superiores aos do resto do Estado. Un 80,9% le ou descarga xornais ou revistas en liña, 5,1 puntos porcentuais por riba da media estatal. Un 41,3% concertou unha cita co médico a través da web, máis de 10 puntos por riba da media estatal (31,1%). Un 48,3% utilizou Internet para colgar contidos propios nunha web para ser compartidos fronte ao 45,6% da media estatal.
Por idades
Galicia avantaxa á media estatal en uso de Internet nos tres últimos meses no rango de idades comprendidas entre 16 e 44 anos, destacando especialmente no rango de 25 a 34 anos, con 3,7 puntos máis
Os datos mostran que Galicia segue por riba da media do conxunto do Estado no grupo de idade de 10 a 15 anos en uso de ordenador e Internet durante os tres últimos meses. A proporción de nenos que usaron o ordenador nos últimos tres meses en Galicia é do 98% e do 96% para o Estado. Para o uso de Internet nos tres últimos meses, a porcentaxe é dun 96,5%, fronte ao 91,2% do conxunto do Estado.
Ademais, Galicia avantaxa á media estatal en uso de Internet nos tres últimos meses no rango de idades comprendidas entre 16 e 44 anos, destacando especialmente no rango de 25 a 34 anos, con 3,7 puntos máis.