As mozas galegas, máis conectadas á rede que os mozos e homes novos

As mulleres galegas de menos de 45 anos están máis conectadas á rede que os homes da súa idade CC-BY-SA Alli Worthington

Fenda de xénero si, pero á inversa. A diferenza dos datos xerais para o conxunto da poboación galega, as mulleres de menos de 45 anos empregan con máis frecuencia Internet e os ordenadores que os homes da súa idade. É a conclusión máis significativa que podemos tirar do estudo A Sociedade da Información en Galicia desde unha perspectiva de xénero, publicado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA).

As mozas de 16 a 24 anos empregan máis o ordenador que os mozos da súa idade (96,9% fronte a 96%), e o mesmo sucede dos 25 aos 34 anos (90,4% fronte a 87,6%) e dos 45 aos 44 anos (83,7% fronte a 80,3%). A partir dos 45 anos a cousas cambia e son máis os homes que usan un ordenador de maneira habitual, con diferenzas que se van facendo máis amplas a medida que se avanza en idade. Así, dos 55 aos 64 anos o 41,5% dos homes usa un ordenador con frecuencia, fronte a un 35,1% das mulleres e a fenda crece até os oito puntos por riba dos 65 anos.

As mozas e mulleres novas galegas conéctanse máis á rede que os homes da súa idade

No conxunto da poboación galega, os homes seguen empregando máis a informática que as mulleres (65,5% fronte a 62,7%), unha fenda de xénero de 2,8 puntos que, con todo, é menor que a que se rexistra no conxunto de España (4 puntos). Esta diferenza, ademais, redúcese aceleradamente, pois en 2010 era en Galicia de 7,1 puntos (6 no conxunto do Estado) e en 2012 descendera xa aos 4,2 (4,9 na media española) . 

A mesma análise podemos facer do uso habitual de Internet (aquelas persoas que navegan cando menos unha vez cada tres meses). De novo, observamos que no conxunto da poboación segue a existir unha fenda en beneficio dos homes, de 3,8 puntos (66,7% de usuarios habituais de Internet fronte a 62,9%). Porén, a fenda é menor en Galicia que no resto de España (4,1%) e vaise pechando: pasou do 4,2 en 2010 ao 3,8 actual.

Elas empregan máis a rede ca eles para a mensaxería instantánea (53,5% fronte a 51,6%) ou para as redes sociais (57% fronte a 51,4%)

Por idades, de novo vemos que as mozas e mulleres novas galegas se conectan máis á rede que os homes da súa idade, con diferenzas de 1,3 puntos entre os 16 e os 24 anos (98,2% fronte a 96,9%), de 1,2 puntos entre os 25 e os 34 anos (91,6% fronte a 90,4%) e de 0,8 puntos entre os 35 e os 44 anos (84,3% fronte a 83,5%). As estatísticas dan a volta a partir dos 45 anos, cunha fenda en favor dos homes de 2,5 puntos entre os 45 e os 54 anos, de 6,7 puntos entre os 55 e os 64 anos e de 7,9 puntos por riba dos 65 anos.

De igual xeito, as mulleres navegan máis para buscar información sobre bens, servizos ou viaxes, para buscar emprego ou para realizar cursos online

En canto ao uso que homes e mulleres fan da rede, o estudo revela que elas empregan máis a rede ca eles para a mensaxería instantánea (53,5% fronte a 51,6%) ou para as redes sociais (57% fronte a 51,4%). Pola contra, os homes úsana máis ca elas para participar en foros ou chats ou para actualizar os seus blogs e páxinas persoais. De igual xeito, as mulleres navegan máis para buscar información sobre bens, servizos ou viaxes, para buscar emprego ou para realizar cursos online. Os homes, en cambio, usan a rede con moita máis frecuencia que as mulleres para ler a prensa dixital, ver a televisión ou escoitar a radio, usar a banca electrónica, descargar música, filmes, xogos ou software ou "navegar sen un propósito particular".

As mulleres galegas de menos de 45 anos están máis conectadas á rede que os homes da súa idade CC-BY-SA Alli Worthington

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.