As oficinas de Google reciben 4300 sinaturas reclamando Android en galego

Envío das sinaturas da campaña #AndroidEnGalego Dominio Público Mallando no Android

Os promotores da campaña #AndroidEnGalego veñen de facer efectivo o envío das 4300 sinaturas recollidas para reclamar a Google a tradución da base de Android ao galego, o sistema operativo que empregan máis do 90% dos smartphones e tablets que se comercializan no país. A carta está dirixida a Sundar Pichai, Vicepresidente de Google e responsábel de Android e Chrome Apps e recolle algúns dos argumentos nos que se basea a reclamación, como a importancia da comunidade lingüística do galego, de máis de tres millóns de persoas en todo o mundo, ou a existencia dunha gran comunidade de desenvolvedores de aplicacións en Galicia.

“De conseguirmos esta tradución, calquera usuario poderá ter o seu dispositivo Android en galego, con independencia do fabricante”, sinalan os promotores da iniciativa, quen están dispostos a prolongar a campaña o tempo que sexa preciso até conseguir o seu obxectivo.

O envío dos apoios recibidos ás oficinas centrais de Google en Mountain View é o segundo contacto dos responsábeis de #AndroidEnGalego coa compañía, logo da xuntanza mantida en novembro nas oficinas que o buscador ten en Madrid, onde se lles informou de que en Google estaban a traballar para incluír o galego en próximas versións de Android, malia que sen confirmar datas.

A campaña #AndroidEnGalego está impulsada polo blog especializado Mallando no Android e conta co apoio de máis de 20 colectivos, entre os que se atopan empresas de desenvolvemento de aplicacións, o operador de cable R ou as Universidades da Coruña e Vigo.

Envío das sinaturas da campaña #AndroidEnGalego Dominio Público Mallando no Android

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.