As universidades denuncian que a rebaixa salarial imposta pola Xunta "persegue a minoración do público en beneficio doutras iniciativas"

Os reitores, nunha xuntanza con Jesús Vázquez o pasado ano © Xunta

As tres universidades galegas veñen de facer público un comunicado para amosar o seu "enérxico rexeitamento" á rebaixa salarial imposta pola Xunta, que cualifican de "novo ataque ás traballadoras e traballadores públicos de Galicia" que se suma aos xa realizados polos gobernos do estado e autonómico nos últimos anos. A Universidade de Santiago, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo denuncia que "estes ataques, que se fundamentan desde os gobernos sobre a necesidade de axustes orzamentarios", teñen "unha base ideolóxica que persegue a minoración do público en beneficio doutras iniciativas". E engaden que "a diminución dos salarios, a paralización das convocatorias de emprego ou a consideración das traballadoras e traballadores públicos como un sector privilexiado son só un chanzo máis no desprestixio do público".

Denuncian que estes ataques teñen "unha base ideolóxica que persegue a minoración do público en beneficio doutras iniciativas"

O texto fai fincapé en que o ataque se concentra dun xeito especial no ensino público, "que se desprestixia a través da descualificación do persoal, da minoración dos seus salarios, do incremento da súa carga de traballo, do deterioro das súas condicións laborais e da posta en cuestión da súa calidade ou excelencia". No caso das universidades estes feitos "engádense aos recortes en investigación e á aplicación indiscriminada de normas e leis orzamentarias que mesmo dificultan a captación de recursos externos". Tamén sinalan que o estudantado, "e particularmente aquelas e aqueles con menos recursos económicos, a parte máis feble da comunidade universitaria", sofre "a diminución das bolsas de estudo".

Cren preciso "facer visible a unidade de actuación das tres universidades do sistema universitario de Galicia. Primeiro, no rexeitamento común destas medidas. En segundo lugar na aplicación homoxénea do axuste retributivo"

Ante esta situación, din, é preciso "facer visible a unidade de actuación das tres universidades do sistema universitario de Galicia. Primeiro, no rexeitamento común destas medidas. En segundo lugar na aplicación homoxénea do axuste retributivo". Explican que a lei "é de obrigado cumprimento para as institucións públicas, e para as universidades en particular". Porén, as tres universidades lembran que "todas leis deben cumprirse", tamén "aquelas que garanten a igualdade de oportunidades e as que encomendan aos poderes públicos a defensa do acceso á cultura e a promoción da ciencia en beneficio da sociedade. As medidas emanadas de conxunturas orzamentarias non deberían ir en contra destas normas fundamentais sobre as que existe un consenso social".

Os reitores, nunha xuntanza con Jesús Vázquez o pasado ano © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.