Paso de Mercurio por delante del disco del Sol el 14 de noviembre de 1907. Observaciones verificadas en Lalín. Vén de ver a luz un texto inédito manuscrito de 40 páxinas de Ramón María Aller, atopado recentemente nos fondos bibliográficos do Observatorio Astronómico da USC. O documento está publicado en formato facsimilar no último número de Descubrindo. Anuario de estudios e investigación de Deza.
José A. Docobo, director do Observatorio compostelán e prologuista do facsímil, explica que “dado o seu interese e calidade, o documento abrangue todos os requisitos para ser considerado unha publicación científica”, o que ademais convertería a este documento, titulado Paso de Mercurio por delante del disco del Sol el 14 de noviembre de 1907. Observaciones verificadas en Lalín, “na primeira publicación ao tempo que a última do currículo do sabio lalinense”.
José A. Docobo explica que “dado o seu interese e calidade, o documento abrangue todos os requisitos para ser considerado unha publicación científica
Docobo destaca que o propio astrónomo e matemático Ramón María Aller Ulloa fixera constar que a súa primeira publicación científica data de 1912 e correspóndese coas observacións do cometa de Joannesburgo (1910a), incluídas nun traballo do Anuario do Observatorio de Madrid. Non obstante, constaba a súa participación anterior tanto na observación da eclipse de Sol de 1905 como na obtención dos rexistros do tránsito de Mercurio por diante do disco solar en 1907. A existencia destes últimos estaban garantidos por unha carta de contestación de Francisco Iñíguez, daquela director do Observatorio de Madrid, aínda que das observacións en si non se tiñan referencias.