Barcos que aran o fondo do mar

Arrastreiros no porto de Vigo CC-BY-NC-ND Salvador Moreira

A pesca de arrastre altera o fondo do mar como se fora un campo de cultivo. Esta é a conclusión á que chegou un grupo de investigadores do Institut de Ciències del Mar de Barcelona tras analizar os efectos desta arte de pesca no leito mariño

O estudo, publicado esta semana na revista Nature, sinala que ao arrastrar as redes polo fondo do mar, os barcos erguen grandes nubes de sedimentos, que caen como aludes de lama sobre as zonas máis fondas. Esta actividade, mantida durante décadas e cada vez máis industrializada, transforma en chairas zonas que antes tiñan un relevo moito máis complexo. En Galiza hai 168 buques arrastreiros rexistrados, segundo datos da Consellaría de Medio Rural e do Mar

A pesca de arrastre modifica o relevo do leito mariño.

Para estudar estes efectos os investigadores seleccionaron un canón da Costa Brava, onde instalaron un medidor de sedimentos. Deste xeito puideron comprobar como aumentaba a cantidade de material transportado durante os días de pesca e como as zonas menos frecuentadas polos barcos estaban menos alteradas

As transformacións prodúcense no talude continental, a transición entre as augas menos fondas próximas ás costas e as grandes profundidades do océano. O xeólogo mariño Pere Puig considera que estes resultados "pódense aplicar a escala global, tamén na costa galega". No seu estudo sinalan até 24 zonas marítimas dos cinco continentes onde se realiza este tipo de pesca. A escolla da zona débese á que é onde hai un relevo mariño máis accidentado e menor movemento de sedimentos de forma natural, sinala Puig. 

Este investigador compara esta modificación coa a que se produce nos campos de cultivo. "Nun campo de cultivo, que é un terreo transformado pola actividade humana, hai unha serie de especies que non se atopan no bosque do lado, no fondo mariño pasa algo semellante". Puig destaca que de momento só comprobaron as alteracións no relevo, pero non que efectos pode ter no ecosistema.

"Hai que comprobar os cambios de especies entre as zonas afectadas e as que non", sinala. Nesta liña, Puig destaca que a pesar destas transformación, hai especies que se adaptan e viven nestas zonas alteradas polo home. Na zona estudada, os pescadores seguen a extraer especies de interese comerciais. 

Pere Puig pide non criminalizar aos pescadores.

O xeólogo catalán pide que non se empreguen os resultados deste estudo "para criminalizar aos pescadores". "Simplemente comprobamos que se transforma o fondo mariño, non pedimos que se deixe de pescar", remarca. E compara esta situación con "dicirlle a un labrego que deixe de cultivar patacas ou trigo porque transforma o medio e non medran árbores"

Para Puig cómpre atopar un equilibrio entre a conservación do medio e a actividade económica. "Hai que crear zonas protexidas como se fixo en terra firme, porque hoxe o fondo do mar é moi vulnerábel". "Débese acelerar o proceso de áreas mariñas protexidas, ou quedarán moi poucos lugares do fondo mariño que non reciban o impacto da actividade humana", remarca o investigador

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.