Cando o software libre axuda a pescar

Captura de pantalla da aplicación Dominio Público Xeopesca

Galicia é unha potencia pesqueira, pero en moitos ámbitos, sobre todo na súa flota de baixura, aproveita escasamente as posibilidades abertas polas novas tecnoloxías. Xeopesca é unha aplicación desenvolvida com licenzas libres co obxectivo de rexistrar a actividade pesqueira dun barco ou dun conxunto de barcos, facilitando o intercambio de información, a análise dos recursos mariños para optimizar as capturas e a trazabilidade para a comercialización do produto. Naceu como proxecto de fin de carreira de Pablo Belay na Facultade de Informática da UDC, pero o obxectivo é que comece a ser usado por armadores e patróns nas súas embarcacións, paliando o até agora escaso uso de aplicacións informáticas para o rexistro da actividade pesqueira.

Belay explica que "a gran maioría dos armadores na Galiza teñen unha dimensión media ou pequena e non poden permitirse un desembolso enorme en licenzas de aplicacións privativas". O obxectivo é "permitir avaliar a situación da costa, dos stocks mariños e ofrecer unha ferramenta que permite optimizar as capturas e os bancos de pesca co fin de ter unha vantaxe competitiva e un repositorio documentado da práctica pesqueira". Na actualidade o éxito da pesca baséase en boa medida no recordo humano e en anotacións e rexistros que seguen facéndose en pepel en boa medida. Como explica o creador de Xeopesca, "non se realiza un repositorio documentado desa experiencia pesqueira coa cal avaliar de forma empírica os mellores caladoiros e estratexias".

En Xeopesca o patrón é a peza principal do sistema, responsable de engadir a información pesqueira no sistema, unha información composta pola faena, os lances e as capturas de cada lance. Tamén pode realizar procuras complexas para obter os puntos con maior probabilidade para pescar.

Noutros países, como México, estanse a poñer en marcha programas e aplicacións semellantes. Semella, pois, un bo momento para aproveitar as vantaxes que pode ofrecer unha aplicación coma esta, sinxela e de balde grazas ao uso de licenzas libres. Belay salienta que a aplicación, unha vez superada a súa fase académica, continúa en desenvolvemento, e xa traballa na incorporación de novas funcionalidades, coma a creación de mapas de calor en función das capturas e especies.

"As capturas anótanse principalmente en papel. Polo costume e porque o acceso a ferramentas substitutivas de papel existentes (software privativo) teñen un alto custe económico, e non dan soporte a realidade desta pesca"

Que usos se lle poden dar a Xeopesca?

O uso principal é enfocado a rexistrar as faenas pesqueiras e asocialas ás variables meteorolóxicas e xeográficas. Isto significa crear unha base de datos da que extraer información para poder predicir o comportamento pesqueiro dadas unhas condicións determinadas, o que supón claramente unha optimización importante no proceso pesqueiro. Ademais, ten posibilidades de ampliar o seu uso na trazabilidade alimentaria e no eido das investigacións mariñas. 

Cal é o nivel de desenvolvemento tecnolóxico da flota galega?

No ámbito que eu coñecín grazas á investigación de campo para desenvolver o meu proxecto, que é o de pesca de baixura principalmente, pódoche dicir que a tecnoloxía está presente de diferentes xeitos sobre todo no campo relacionado coa navegación asistida. No que se refire a rexistro pesqueiro atopei un baleiro tecnolóxico no tema dos rexistros de capturas, xa que estes se anotan principalmente en papel. As razóns desta situación son varias: o costume e que o acceso ás ferramentas substitutivas de papel que existen (software privativo) teñen un alto custe económico, e non dan soporte á realidade desta pesca.

"Axudaría a reducir os custes en combustible e horas de traballo no mar. Isto pódese conseguir optimizando e reducindo o número de lances dunha faena en función da experiencia previa e ir a puntos con maior probabilidade"

A pesca desembarcada en Galicia marca os peores datos dende 2008. En que pode axudar esta ferramenta?

Axudaría a reducir os custes en combustible e horas de traballo no mar. Isto pódese conseguir optimizando e reducindo o número de lances dunha faena en función da experiencia previa e ir a puntos con maior probabilidade.

"Unha vantaxe para os consumidores sería garantir a trazabilidade alimentaria sobre as capturas, o que implica un valor engadido. Mellorando a etiquetaxe existente"

Ademais da axuda que pode supor para patrón e mariñeiros, pode ofrecer vantaxes directas para os consumidores. Podería usarse para saber con antelación que peixe vai chegar a unha lonxa?

Neste momento non hai ningunha funcionalidade implementada para realizar ese prognóstico. Se o proxecto consegue consolidarse poderíase implementar funcionalidades como esa. Unha vantaxe para os consumidores sería garantir a trazabilidade alimentaria sobre as capturas, o que implica un valor engadido, mellorando a etiquetaxe existente. Por exemplo, mediante códigos QR que che indiquen a ubicación da captura cunha pasada do teu smartphone e así poder escoller cun maior coñecemento a túa compra.

Permite tamén un mellor aproveitamento dos recursos e polo tanto un mellor coidado do medio?

Axudaría a implementar políticas pesqueiras dende a óptica da sustantibilidade e á análise real da dispoñibilidade dos recursos mariños. 

"Axudaría a implementar políticas pesqueiras dende a óptica da sustantibilidade e ao análise real da dispoñibilidade dos recursos mariños"

Cal é a importancia de empregar licenzas libres?

Poder auditar o código fonte da aplicación, porque isto garante que a ferramenta é segura, que fai realmente o que che din, a adaptabilidade da aplicación ás túas necesidades e evitar o pago de licenzas. Unha vantaxe importante derivada destas características é que o traballo se fai de forma colaborativa sumando sinerxias. Outra característica moi importante é que facilita a interoperabilidade entre sistemas e formatos.

Como chegas a idear e desenvolver este proxecto?

A idea do proxecto xurdiu para dar resposta ao meu proxecto de fin de carreira. A tecnoloxía coa que quería traballar estaba clara dende un comezo e eran as ferramentas xeográficas. O eido de aplicación foi a dúbida. Despois de comentarlle a dúbida a xente próxima fun creando unha lista, e despois dunha primeira peneira leveille as ideas o meu titor, que me aconsellou decantarme por unha aplicación relacionada co mundo do mar, da cal naceu xeoPesca. O desenvolvemento dividino en fases: investigación de campo, planificación, análise e deseño da aplicación, implementación e probas. A investigación de campo supuxo coñecer o eido de actuación, a problemática a resolver e as funcionalidades a cubrir. Por outro lado había que ver as ferramentas existentes que competirían coa aplicación. Tamén tiña que escoller as tecnoloxías a aplicar para traducir esa información á aplicación. Todo iso co apoio do meu titor  Miguel Ángel Rodríguez Luaces, coa súa guía e críticas. Houbo que investir moitas horas e supuxo un desafío a min mesmo, pero cheguei a un resultado de acordo coas miñas expectativas.

"Unha vantaxe importante derivada destas características é que o traballo se fai de forma colaborativa sumando sinerxias. Outra característica  moi importante e que facilita a interoperabilidade entre sistemas e formatos"

México vai poñer en marcha un proxecto semellante... Como é o seu sistema?

A información que facilitou o instituto de pesca de México (Inapesca) son os obxectivos xerais que pretende acadar con esta ferramenta SIX de pesca, os cales coinciden nun 90% cos de xeoPesca. Na actualidade descoñezo as entrañas da plataforma tecnolóxica que van desenvolver.

Que tería que facer un armador ou un patrón dun barco para comezar a usalo?

Simplemente tería que descargar aplicación da web www.xeopesca.com e seguir o tutorial de instalación que hai na web. Para facilitar esta instalación tamén hai a opción de que contrate un informático para que lle realice este traballo.

Captura de pantalla da aplicación Dominio Público Xeopesca
Captura de pantalla da aplicación Dominio Público Xeopesca

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.