Carlos Barros (USC) e os restantes afectados polos plaxios do reitor da URJC esixen a súa dimisión

Exemplo do orixinal de Carlos Barros (esquerda) e o texto plaxiado por Suárez Bilbao (dereita) Dominio Público Praza Pública

Nas últimas semanas foron saíndo á luz un gran número de plaxios realizados polo actual reitor da Universidad Rey Juan Carlos, Fernando Suárez Bilbao, publicando co seu nome traballos conformados por textos copiados tanto a profesores universitarios de todo o Estado coma a novas investigadoras. A pesar da polémica xerada e da evidencia das probas presentadas o reitor vén negándose a dimitir do seu cargo, desculpando os plaxios como "desfuncións", e tampouco se produciu un pronunciamento por parte do Ministerio de Educación, da Comunidade de Madrid ou da CRUE (Conferencia de Reitores das Universidades Españolas), da que Suárez Bilbao é vogal permanente.

Este mércores cinco profesores universitarios que foron vítimas do plaxios do reitor da URJC veñen de difundir un comunicado conxunto no que esixen a súa dimisión, ademais dun posicionamento explícito por parte das institucións con competencia na materia. Miguel Ángel Aparicio Pérez (Universidade de Barcelona), Luis Barbastro Gil (Universidade de Alacante), Carlos Barros (Universidade de Santiago de Compostela), Ignacio Fernández Sarasola (Universidade de Oviedo) e Emilio La Parra López (Universidade de Alacante) amosan a súa "indignación" ante "a vergoñenta imaxe que a persistencia dese señor no cargo que actualmente desempeña está a ofrecer da Universidade pública española".

No comunicado responden ás declaracións de Suárez Bilbao nas que afirmaba ser vítima dunha "campaña de difamación e acoso á Universidade" e nas que xustificaba que as súas publicacións non buscan o lucro, "confundindo con manifesta ignorancia a propiedade industrial coa propiedade intelectual", destacan os docentes, que engaden que o aínda reitor "fai gala igualmente do seu descoñecemento da xurisprudencia do Tribunal Supremo en materia de violación dos dereitos de autor".

Conclúen que "a continuidade do Sr. Suarez Bilbao como reitor resulta absolutamente insostible, xa que está a danar a credibilidade da Universidade española" e demandan a súa dimisión. Así mesmo, pídenlle ao Ministerio de Educación e ao Consello de Goberno da Comunidade de Madrid "que adopten as medidas disciplinarias pertinentes" e esixen "un pronunciamento inequívoco da CRUE sobre a materia". Reservándose, finalmente, "as accións legais oportunas que, en calidade de prexudicados, poidamos emprender a título individual".

Conclúen que "a continuidade do Sr. Suarez Bilbao como reitor resulta absolutamente insostible, xa que está a danar a credibilidade da Universidade española" e demandan a súa dimisión

Entre os cinco profesores está o galego Carlos Barros, docente de Historia Medieval e Historiografía na USC, a quen Suárez Bilbao copiou parágrafos enteiros do seu texto La peregrinación a Santiago de Compostela, inseríndoos no capítulo “España y Europa: la peregrinaciones a Santiago” publicado no volume colectivo La Iglesia en la Historia de España. A evidente copia pódese comprobar con facilidade nunha análise do plaxio difundida por Barros hai uns días na plataforma academia.edu

 

Exemplo do orixinal de Carlos Barros (esquerda) e o texto plaxiado por Suárez Bilbao (dereita) Dominio Público Praza Pública
Exemplo do orixinal de Carlos Barros (esquerda) e o texto plaxiado por Suárez Bilbao (dereita) Dominio Público Praza Pública
Carlos Barros Dominio Público Praza Pública
Fernando Suárez Bilbao © URJC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.