Chega o primeiro 'editatón' da Galipedia

Cartaz da quinta edición do 'Día da Ciencia en Galego' Dominio Público Igaciencia

A Galipedia necesítate! Este sábado 8 de novembro a comunidade galega da enciclopedia en liña Wikipedia celebra o seu primeiro editatónun evento que procura, sobre todo, dous obxectivos: por unha banda incorporar á enciclopedia entradas que até agora non contan coa súa correspondente información en lingua galega ou mellorar esta información, no caso de que estea incompleta. Por outro lado, búscase visibilizar a comunidade da Wikipedia galega, favorecer o contacto entre os seus membros e facilitar a incorporación de novas persoas. 

A actividade terá como temática central o Día da Ciencia en Galego, que se celebra este martes 4 de novembro. É por iso que os termos que se insta a incluír ou a actualizar teñen que ver en boa medida coa ciencia e con científicos e científicas galegas. Ademais, o evento está organizado pola Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo (que acolle as sesións, a partir das 10.30 horas), Proxéctate en galego, ademais de pola comunidade xestora da Galipedia. Colaboran, así mesmo, Wikimedia España e a Nerd Nite Compostela.

Pódese participar no editatón de xeito virtual, dende a casa, colaborando na creación ou mellora desta entradas, pero os seus organizadores instan á asistencia presencial, para incidir precisamente nesoutros obxectivos de construción e coñecemento da comunidade. Ademais, a sesión comezará coa intervención de Elisardo Juncal (Galipedia), que realizará unha introdución á Galipedia e á edición co Editor visual. Así mesmo Manuel Díaz Regueiro (Igaciencia), presentará as actividades do Día da Ciencia en Galego, e Carlos Rodríguez-Rellán, profesor da Facultade de Historia da USC ofrecerá unha palestra co título "A Arqueoloxía Experimental e a apocalipse zombi: pequeno manual de supervivencia para nerds".

Entre os artigos que se pretenden crear neste editatón están, por exemplo, os dedicados aos investigadores Richard Buckminster Fuller, Marcelino Álvarez Muñiz, Jesús Andreu Lázaro, Manuel Baraja Fernández, Tomás Batuecas Marugán, Fermín Bescansa Casares, Antonio Casares Bellido, César Sobrado Maestro, María Mercedes Álvarez Lires, María del Pilar de Torres Luna ou Alberto Pazos Labrador. Tamén os que dean conta de conceptos e obxectos coma sensor, intensidade de radiación, ponte autoportante, proxeria ou zurdo. Igualmente, quérense mellorar os artigos que falan de Ángela Ruiz Robles, Marie Curie, Isaac Díaz Pardo, Isaac Newton, Ramón María Aller Ulloa, María Wonenburger, estatística, calculadora ou física, entre moitos outros.

Os organizadores pídenlles aos posibles participantes que, asistan presencialmente ou non, se inscriban previamente, para facilitar a organización do traballo.

 

Día da Ciencia en Galego. Outras actividades

Esta nova edición do Día da Ciencia en Galego, a quinta, centrará as súa actividades en Lugo e estará dedicada, sobre todoa estudar e difundir as figuras e a obra de Isaac Newton e Xosé Rodríguez González, o matemático de Bermés. Nacido en Bermés, unha parroquia de Lalín, en 1770 e finado en Santiago de Compostela en 1823, foi un científico galego da Ilustración e home liberal. Fillo de labregos, aos 28 anos acada a cátedra de Matemáticas e realiza frecuentes viaxes por Europa para intercambiar coñecementos e ampliar estudos, entra en contacto cos traballos dos grandes científicos da época: Laplace, Arago...

Participa con Arago, precisamente, no estudo da triangulación do meridiano entre Dunquerque e Barcelona, traballa para a coroa británica nunhas medicións xeodésicas no Pacífico e imparte cursos na universidade alemá de Gottinga. Durante a invasión francesa foi comisionado da Xunta Central para trazar un mapa da Península e fixar un sistema máis exacto de Pesas e Medidas. Coa volta do poder absolutista foi marxinado e considerado como afrancesado.

  • Luns 3 de novembro 

Ás 19 horas, na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela inaugúrase a exposición Arte e Ciencia, organizada por Igaciencia, na que destacan os apartados de Op Art, Cuasicristais, Fullereno, perfís na arte, Escher, Juan Gris, e a exposición -inédita en España- de obras artísticas creadas en impresoras 3d.

  • Martes 4 de novembro

A partir das 12 horas, o Salón de Actos da Deputación de Lugo acollerá unha videoconferencia, dende Euskadi, de Luís Liz Marzán, experto en Nanotecnoloxía. A partir das 17 horas comeza unha visita guiada á exposición Sensores, organizada por Igaciencia, na sede da Deputación Provincial de Lugo. Ás 18 horas, no Auditorio da Casa do Saber (edificio da Vicerreitoría), dous docentes da USC (Roberto Iglesias e Manuel Andrade) ofrecerán unha clase maxistral sobre robots ("O nacemento dunha nova xeración de robots") e navegación espacial ("Da maçã de Newton à sonda espacial Rosetta".). Finalmente, ao seu remate farase (se o tempo o permite) unha observación astronómica dende a Muralla.

Captura de pantalla da web dedicada ao Día da Ciencia en Galego Dominio Público Praza Pública
O artigo dedicado á matemática María Wonenburger é un dos que se propón mellorar © culturagalega.org
Cartaz da quinta edición do 'Día da Ciencia en Galego' Dominio Público Igaciencia
Xosé Rodríguez, o matemático de Bermés CC-BY-SA Xas

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.