Como pode Internet axudar os movementos sociais?

Capa do libro Dominio Público Manuel Casal Lodeiro

Manuel Casal Lodeiro vén de lanzar unha iniciativa de crowdfunding para redactar e publicar unha obra que lles achegue aos colectivos e entidades sociais as ferramentas e claves para utilizar a rede en beneficio dos obxectivos das súas asociacións.

Como pode axudar Internet aos obxectivos da nosa asociación? Como poñer en marcha unha campaña de sinaturas online para que teña o máximo alcance? Que opcións temos para crear un web? Como conseguir chegar coa nosa mensaxe ao público que nos interesa? Como situar optimamente un web nos buscadores? É mellor crear un web diferente por proxecto ou publicar todo nun mesmo web? Como manexarmos as listas de correo e para que nos poden servir? Que problemas legais nos poden afectar na nosa actividade online? Cal é a maneira de utilizar as redes sociais de maneira eficaz e sen perdermos o tempo? Como aproveitar a tecnoloxía evitando os seus riscos? Estas son algunhas das dúbidas frecuentes entre as entidades non lucrativas ás que trata de dar resposta esta guía.

Afirma ter "detectado" ao longo dos anos que leva colaborando con todo tipo de asociacións e colectivos, asesorándoos en cuestións relativas a Internet, "numerosas lagoas que van desde aspectos técnicos puntuais ata importantes erros estratéxicos"

Manuel Casal Lodeiro, Casdeiro, traballa como consultor e leva case 20 anos colaborando con diversas organizacións sociais galegas e "unindo Internet e activismo social e cultural". Defende "os proveitos da Rede tanto para o mundo empresarial como para o denominado Terceiro Sector" e "as posibilidades do medio dixital para a trasformación social". Afirma ter "detectado" ao longo dos anos que leva colaborando con todo tipo de asociacións e colectivos, asesorándoos en cuestións relativas a Internet, "numerosas lagoas que van desde aspectos técnicos puntuais ata importantes erros estratéxicos". E explica que "moitas veces os nosos colectivos non teñen orzamento para contratar un asesoramento profesional e estes erros rematan por lastrar a efectividade das súas accións online". Di que "con esta Guía pretendo orientar a todas as persoas implicadas nestas accións sociais e culturais en Internet, complementándoo cun asesoramento básico personalizado aos que optedes por ese tipo de recompensa na vosa achega ao proxecto".

A través de Verkami busca recadar ao redor de catro mil euros para redactar, editar e imprimir o libro. E a cambio das achegas ofrece unha serie de contraprestacións: dende "un exemplar da Guía e unha mención opcional nos agradecementos no libro" por cada axuda de 10 euros até recompensas meirandes coma o "asesoramento online co autor para facer consultas sobre os temas da Guía" a partir de 35 euros.

Capa do libro Dominio Público Manuel Casal Lodeiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.