Competir con Apple dende Galicia?

As tabletas Primux Ciclón 2 © Primux Tech

Primux Tech naceu a partir dunha empresa de distribución de material informático, primeiro como provedor de accesorios e, a partir de 2011, como fabricante de dispositivos propios. Dende entón, non deixou de crecer. Hai uns meses presentou novos modelos de smartphones, e este mércores, en Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia) realizou a súa aposta para competir no mercado internacional de tablets nos vindeiros meses. A empresa vendeu máis de 48.000 tabletas e 15.000 móbiles durante 2013 e prevé incrementar significativamente esta cantidade ao longo de 2014 grazas á entrada en mercados novos, especialmente o sudamericano.

Logic L1 (a máis pequena, con 7,85” de pantalla), Siroco5 (con pantall de 10,1”) e Ciclón2 (tamén de 10,1”, e con maiores prestacións) son os nomes das tres novas tabletas que este mércores presentou Primux Tech. Segundo os seus responsables, todos os seus produtos seguen a filosofía de “tecnoloxía lóxica”, e neles destacan as súas "elevadas prestacións", un "prezo moi competitivo" e, sobre todo, "un servizo ao cliente o máis rápido e eficiente posible”, o que para José Morán, socio da empresa, supón "a vantaxe competitiva máis importante da empresa en relación á competencia".

A empresa vendeu máis de 48.000 tabletas e 15.000 móbiles durante 2013 e prevé incrementar significativamente esta cantidade ao longo de 2014 grazas á entrada en mercados novos, especialmente o sudamericano

A este respecto, o director técnico da empresa, Javier Bordejé, destaca que "calquera cliente pode contactar directamente coa empresa en caso de dúbidas ou de avaría, primeiro por teléfono ou por correo electrónico e, se non se atopa unha solución, recólleselle o produto e, nun prazo de 72 horas, a empresa comprométese a realizar a reparación e devolverlle o terminal ao cliente, todo de maneira grautíta".

A empresa  instalou o seu departamento de I+D+i no Parque Tecnolóxico de Galicia a principios deste ano. Hai uns meses puxo no mercado novos modelos de smartphones, Delta2, Alpha 3 e Omega3, equipados con Android, a prezos moi reducidos (dende 69 euros). Estes modelos veñen con dúas baterías por terminal para axudar a paliar un dos principais problemas que sofren os usuarios de telefonía móbil. Ademais, todos os modelos están equipados con dual SIM (para poder introducir dúas tarxetas, por exemplo unha personal e outra profesional) e GPS sen conexión de datos.

As tabletas Primux Ciclón 2 © Primux Tech
José Morán, socio da empresa, na presentación que tivo lugar este mércores en Ourense © Primux Tech

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.