Concienciadas: a que cheiran os libros?

Iria Veiga e Javier Balea, na primeira entrega de Concienciadas CC-BY-NC-SA Praza Pública

Un libro que cheira "a novo". Outro que arrecende "a vello". A textura das follas de papel que un libro electrónico non é quen de imitar. Son algunhas das sensacións que moitas persoas asocian ao acto de coller un libro e lelo. Pero, se cadra non tantas as asocian coa ciencia. Concretamente, coa química.

Con este primeiro vídeo nace 'Concienciadas', un novo espazo de divulgación científica en Praza.gal

Pero, como explican no vídeo baixo estas liñas a médica Iria Veiga e o químico Javier Balea, ambos investigadores e traballadores de cadansúas disciplinas pero tamén da divulgación científica, nos libros hai moito de química. Na súa composición e, daquela, tamén no seu cheiro.

Alén de tentar responder algunhas destas preguntas, con este primeiro vídeo tamén nace, neste Día das Letras Galegas do 2019, un novo espazo de divulgación científica en Praza.gal. En Concienciadas a audiencia do xornal atopará pílulas audiovisuais con explicacións sobre conceptos científicos, achegas á explicación que a ciencia nos ofrece para múltiples elementos da nosa vida cotiá e testemuñas de persoas que traballan no mundo da investigación.

"Pode axudar a comprender que a ciencia tamén forma parte da cultura"

"Pensamos que este proxecto e os seus contidos serán novidosos no noso contexto sociocultural. É moi pouco o material audiovisual que podemos atopar na nosa lingua que trate temas científicos, menos aínda cun enfoque youtubeiro", explican Iria Veiga e Javier Balea. 

"Tamén queremos -engaden- supoña un elemento normalizador da lingua galega non só no ámbito específico da ciencia, senón tamén a modo transversal na rede". Ademais, "ao ser un proxecto que se integra nun xornal xeneralista", subliñan, "pode axudar a comprender que os temas dos que imos falar forman parte da cultura, porque a ciencia tamén o é", conclúen.

Tras veres a primeira entrega... Quedou claro a que cheiran os libros?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.