Dúas rapazas galegas, finalistas do concurso internacional YouTube Space Lab, organizado pola NASA e a Axencia Espacial Europea. Laura Calvo e María Vilas, de 15 anos, que estudan no colexio público Dos Dices de Rois e que superaron a milleiros de proxectos de Europa, África e Oriente Medio, viaxarán agora a Washington para participar na final.
As estudantes propuxeron experimento chamado Surfactantes en microgravedade, que estuda que ocorre cando auga, xabón e aceite se mesturan en condicións de falta de gravidade, como ocorre na Estación Espacial Internacional (ISS). O concurso consiste en deseñar experimentos que poderían ser realizados a bordo desta estación.
Os dous gañadores globais (un de cada categoría de idade) anunciaranse nunha cerimonia o 22 de marzo. Despois, os seus dous experimentos levaranse a cabo a 400 km da Terra na ISS e emitiranse en directo por YouTube no contexto dun evento de celebración global da ciencia e o espazo.
O equipo gañador poderá elixir entre viaxar a Xapón para presenciar o lanzamento dos seus experimentos con destino á Estación Espacial Internacional, ou cando cumpran 18 anos, poderán vivir a experiencia de formación dun astronauta no centro de preparación dos cosmonautas rusos 'Star City'. Ademais, os 21 equipos finalistas rexionais de Europa, Oriente Medio e África serán convidados en abril a unha visita privada ao Centro Europeo de Astronautas en Colonia, Alemaña, onde se adestran os astronautas europeos.