Desculpas pola primeira caída

CC-BY-SA Praza Pública

A primeira mañá tivemos un encontro un pouco brusco coa realidade. A súpeta, calorosa e intensa resposta de vós, lectoras e lectores, sumado a unha serie de pequenos problemas técnicos pola nosa parte, fóronse sumando e derrubaron o servidor ata tres veces, cada unha delas máis seria cá anterior. Sentímolo, sentímolo moito. As persoas de Dinahosting, onde está hospedado o servidor, fixeron un traballo épico para recuperar todo o contido. Agora xa todo o que existía a primeira hora da mañá está dispoñible e recuperado.

Agora retomamos o ritmo xa pouco e pouco, e xa nos estamos partindo o peito para facer noticias, ou o equivalente que desexedes. Prometemos que a próxima vez que sexamos trending topic saberemos resistir mellor.

De paso aproveitamos para explicar algúns detalles sobre a visualización. Algúns usuarios teñen problemas para ver as páxinas cando empregan navegadores moi antigos, e non estándares. Poder atender a navegación nos móbiles e nos tablets significa que os usuarios que empregan o software menos actualizado nos computadores, e que son menos do 2% dos usuarios de Praza, van ter dificultades. Poderán ver todo o contido, sen perder nada, pero non poderán aproveitar os elementos máis interesantes que si aproveitarán os demais. Pregamos desculpas, pero... é todo o que podemos facer.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.