Dinahosting creceu un 15% no 2013

Instalacións de Dinahosting, en Santiago de Compostela Dominio Público Dinahosting

Dinahosting, a empresa galega de dominios e hosting web, vén de publicar os seus datos correspondentes ao pasado ano, nos que mantivo un crecemento sostido da súa actividade e das súas cifras de negocio. En concreto, ao longo de 2013, a súa facturación creceu case un 15% (14,37%) con respecto ao ano anterior, superando os 10,6 millóns de euros. Estes datos confírmana como empresa líder independente do sector de dominios e hosting web en España.

A empresa, radicada en Santiago de Compostela e fundada en 2001, mantén o seu crecemento en todos os seus produtos: 231.592 nomes de dominio (+ 16,97%), 90.025 plans de aloxamento web (+ 20,62%), 1.366 VPS (+ 20,67%), 1.851 servidores dedicados (+ 12,45%) para un total de 101.587 clientes.

Ao longo de 2013, a súa facturación creceu case un 15% (14,37%) con respecto ao ano anterior, superando os 10,6 millóns de euros

Os seus responsables destacan que os sinais de identidade da empresa son "unha coidada atención a clientes e a plena independencia tecnolóxica baseada no desenvolvemento propio". En palabras de Belén Potel, directora financeira de Dinahosting "nun contexto económico como o actual son uns datos moi satisfactorios que nos permiten afrontar con gran optimismo o novo exercicio". Afirma tamén que "o desenvolvemento e crecemento de dinahosting desde o seu inicio aséntase en dúas premisas fundamentais: a confianza na tecnoloxía propia e o desenvolvemento de solucións sempre desde a perspectiva e necesidades da persoa usuaria" polo que a compañía continuará apostando por estes dous alicerces que constitúen o motor do seu éxito.

Dinahosting conta coa acreditación de organismos internacionais como ICANN ou RIPE así como o recoñecemento por parte de Microsoft como mellor Service Provider no último ano. Isto vén certificar o seu compromiso coa calidade e a fiabilidade dos servizos que fornece á súa clientela. Con respecto á estratexia para o 2014, Dinahosting considera prioritario "centrar os esforzos en dispor dunha atención a clientes que destaca entre as demais empresas do sector, continuar o seu investimento para mellorar a tecnoloxía e tamén seguir conformando e mellorando un equipo de traballo que é o seu mellor activo". En canto a política laboral, a empresa continúa tendo no seu cadro de persoal "un dos seus activos máis destacábeis", xerando emprego estábel nun contexto de crise económica, coa contratación de novos e novas profesionais, actualmente o número de persoas empregadas pola compañía sitúase en 84.

Instalacións de Dinahosting, en Santiago de Compostela Dominio Público Dinahosting
Algúns dos traballadores de Dinahosting, no entroido de hai catro anos Dominio Público Dinahosting

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.