Educación concede as axudas para o galego no ensino a tres días da fin do curso

O titular de Política Lingüística (esquerda), nunha visita a un instituto © Xunta

O vindeiro venres os centros de ensino público de Galicia bótanlle o peche ao curso 2011-2012. Nese momento rematan as clases e, obviamente, as actividades complementarias á actividade docente, tamén as dos equipos de normalización e dinamización lingüística, ou só "de dinamización", segundo a terminoloxía do chamado decreto do plurilingüismo. Este martes, tres días antes da fin do curso, a consellería de Educación fixo pública a adxudicación das axudas para o "financiamento dos proxectos de fomento do uso do galego dos equipos de dinamización lingüística", unhas subvencións que teñen a súa orixe nunha orde do mes de xaneiro e que se cinguen ao curso que agora remata.

Ademais do case anecdótico feito de que os subsidios sexan adxudicados cando apenas queda tempo material para realizar actividade ningunha nos centros de ensino e moito menos para planificar accións novas, a tardanza na concesión das axudas non é menor para a comunidade educativa. Fontes do sector consultadas por Praza Pública coinciden en non ver "casual" o acontecido. "É un xeito de recortar sen recortar", aseguran, xa que moitos equipos de normalización lingüística deixaron de planificar actividades ao non saber se poderían financialas ou non. Ademais, a esta redución de accións a prol da lingua propia engádese outra dificultade: o adiamento na concesión non varía en absoluto a data na que os equipos teñen que xustificar a subvención, isto é, demostrar documentalmente ante a Consellería que realizaron as actividades para as que pediron cartos. Isto debe acontecer antes do día 30 do propio mes de xuño, en apenas dúas semanas.

As subvencións deben estar xustificadas dentro de apenas dez días

En caso de que esa xustificación non se realice os docentes que dedican parte da súa xornada a impulsar o galego nas aulas perderían un financiamento que, por outra banda, non é especialmente xeneroso, senón máis ben todo o contrario. A maior parte das axudas oscilan entre os 200 e os 300 euros, se ben a diversos centros educativos chegarán pouco máis de 120 euros. En total, Educación distribuíu algo menos de 250.000 euros, dos que 89.000 corresponden á provincia da Coruña, 31.000 á de Lugo, 27.000 a Ourense e 101.000, a Pontevedra.

Nesta escaseza de recursos puña o foco este martes o sindicato STEG, en cuxa opinión cómpre salientar, "ademais do retraso", que "o recorte na contía destas axudas é moi superior a ningunha outra partida orzamentaria" en Educación. "De 800.000 euros no curso anterior pasouse a 250.000 no actual" que ademais "non foron recibidos en todo o curso". Ademais, explican, o feito de que as axudas fosen concedidas "tres días antes de que remate o curso" para "acitividades que se realicen antes do 30 de xuño" fai que os equipos de normalización teñan un labor "de imposible cumprimento", ao "estar o alumnado coas avaliacións finais ou xa de vacacións".

Para o STEG a "diminución do 70%" nestas axudas "súmase" a outras "medidas de carácter regresivo como a diminución da presenza do galego no ensino, especialmente no infantil", a "eliminación" da lingua propia "das áreas científico-tecnolóxicas" ou a "anulación das axudas á edición de materiais educativos en galego". O acontecido con estas axudas, reprochan, é "unha proba máis do interese do Goberno actual por reducir ao máximo a presenza do galego no ensino".

O titular de Política Lingüística (esquerda), nunha visita a un instituto © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.