A Deputación da Coruña emprega o cancelo #AsPalabrasDaCiencia para difundir o traballo de científicos e científicas galegas nas redes sociais, con premios para quen comparta os contidos
En galego tamén se constrúe ciencia. E a través da iniciativa #AsPalabrasDaCiencia, a Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña quere poñer o foco no labor de tantas mulleres e homes que traballan en múltiples disciplinas científicas, e faino coas nosas palabrase e coa nosa lingua.
Co obxectivo de espallar o traballo de científicos e científicas, pretenden que as redes sociais se enchan dos contidos que achegarán os centros de referencia na investigación e divulgación científica e os fitos históricos da nosa ciencia. Tamén darán a coñecer proxectos científicos que se están a desenvolver na provincia e que contan co apoio da Deputación.
A pandemia da COVID puxo o foco sobre a relevancia que ten o coñecemento científico no noso día a día. "A ciencia é unha das pancas que posibilita o progreso e que contribúe a mellorar notablemente a calidade das nosas vidas", defenden dende o ente provincial.
O Día da Ciencia en Galego comezou a moverse polas redes sociais o cancelo #AsPalabrasDaCiencia, que seguirá ata final de mes. Con esta campaña, a Deputación da Coruña mostra o seu "firme compromiso" co mundo científico e coa "importancia de dinamizar a lingua nun sector de indubidable referencia social".
Unha parte fundamental do proxecto recae na sociedade galega, chamada a participar da campaña compartindo as diferentes propostas empregando o cancelo #AsPalabrasDaCiencia nas súas redes. Entre todas as persoas que colaboren tanto no Facebook, como no Twitter ou no Instagram sortearase un telescopio e tres lotes de libros de ciencia en galego.
Entre as actividades propoñen profundar na figura da primeira enfermeira da historia que participou nunha misión internacional, Isabel Zendal, a través dun encrucillado interactivo no que coñecer diferentes aspectos da súa vida e da súa relación con Galicia.