Algunha grande industria, as centrais termoeléctricas de carbón, o tráfico marítimo e o tráfico rodado das grandes cidades. Esas son as catro principais fontes de contaminación que afectan a calidade do aire que respiramos no país, que deixa moito que desexar en moitas áreas, tal e como se tira do informe La calidad del aire en el Estado español durante 2013 elaborado por Ecologistas en Acción.
A asociación advirte, ademais, que a contaminación esténdese "desde estes grandes focos de emisión polo resto do territorio galego, afectando zonas máis afastadas e rurais na forma de ozono troposférico", tal e como sucede, por exemplo, na franxa Ordes-Eume -que abrangue boa parte do norte das provincias da Coruña e de Lugo- e que está "moi influenciada" pola contaminación das centrais de carbón das Pontes (Endesa) e de Meirama (Gas Natural Fenosa). Algo semellante ocorre na área A Limia-Miño, influenciada tamén polo aire contaminado que chega desde outras grandes industrias.
A contaminación provocada pola grande industria ou as térmicas espállase por Galicia "afectando zonas máis afastadas e rurais"
Este completo estudo analiza a calidade de aire da práctica totalidade da poboación española e en relación á protección da saúde humana -non en canto á vexetación e aos ecosistemas- e os datos tíranse dos facilitados polas administracións autonómicas e locais a partir das súas redes de medición da contaminación. Céntrase nos "contaminantes máis problemáticos" no Estado en 2013: as partículas en suspensión (PM-10 e PM-2,5), o dióxido de nitróxeno, o ozono troposférico e o dióxido de xofre.
En Galicia, hai varias zonas que se sitúan entre os lugares con maior contaminación do aire no Estado. Así, logo de catro décadas de regulación legal, os contaminantes clásicos (partículas en suspensión, dióxido de nitróxeno e dióxido de xofre) afectan de maneira especial á Coruña e á súa área metropolitana, así como á contorna das centrais térmicas. No caso da poboación afectada especificamente por partículas PM-2,5 (menores de 2,5 micras), tamén é importante a contaminación no interior de Galicia, mentres que a cidadanía que soporta niveis máis elevados de dióxido de xofre inclúe a das Rías Baixas.
A área da Coruña, as contornas das térmicas ou as Rías Baixas sofren maior contaminación da recomendada
Os contaminantes con máis incidencia na poboación galega o pasado ano foron o ozono troposférico, as partículas en suspensión e o dióxido de sofre. No caso do ozono troposférico, afectou as cidades de Ferrol, Lugo, Ourense e Vigo, así como á franxa Ordes-Eume, A Mariña e A Limia-Miño. En todas elas sobrepasáronse os 25 días de superación do valor recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) na maioría das estacións. Ademais, e tal e como destaca o informe, "en seis das estacións superouse polo menos unha vez o limiar de información á poboación para este contaminante", pero non se informou axeitadamente á cidadanía que sufriu estes episodios de contaminación.
Pola súa banda, as partículas PM-10 e PM-2,5 afectaron principalmente os grandes núcleos de poboación, A Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo e Vigo, onde se rexistradron superacións do valor medio anual recomendado pola OMS para ambos os dous casos. O mesmo ocorreu nas estacións de Ponteareas e na de Arteixo, influenciado pola refinería Repsol, onde se alcanzaron respectivamente 39 e 27 superacións deste valor medio aconsellado.
As zonas achegadas a Ence, Cosmos ou a refinería de Repsol superan a concentración media diaria de dióxido de xofre
No caso do dióxido de xofre, superouse a concentración media diaria que a OMS recomenda "non superar nunca" en varias estacións de Galicia, a maioría ubicadas en lugares próximos ás centrais térmicas de carbón ou a grandes industrias. Abonda con pensar un pouco para dar coas empresas causantes desta contaminación. Así, as superacións dos límites tiveron lugar nas dúas estacións da rede que abrangue a celulosa Ence -en Pontevedra e Poio-; na de Pastoriza (Arteixo), afectada pola refinería de Repsol; en Oural (Sarria), onde se sitúa a factoría de Cementos Cosmos; e na estación de San Vicente de Vigo, en Carral, ubicada a medio camiño entre a central de Meirama e a área industrial da Coruña.
Case un de cada dous días do ano, a estación de Ourol, xunto a Cementos Cosmos, superou os niveis máximos de dióxido de xofre
Son altamente preocupantes os niveis de dióxido de xofre recollidos nunha das dúas estacións situadas xunto a Cementos Cosmos en Oural, con 150 superacións do valor diario recomendado, "practicamente un de cada dous días do ano", e nunha das de Arteixo, en Pastoriza, na que houbo 61 superacións dos límites a carón da refinería de Repsol.
E aínda así, o informe advirte que apenas dispuxo de información sobre os niveis de benceno, hidrocarburos aromáticos policíclicos nin metais pesados, cuxa avaliación é obrigada. Xa que logo, realizouse a partir de "medicións en xeral moi escasas, que non resultan representativas da presenza destes contaminantes en Galicia".
O informe recrimina a Xunta e pídelle que "se esforce por mellorar a medición da calidade do aire" no país
Ecologistas en Acción repara tamén no feito de que os datos se recompilasen de 54 estacións de control de Galicia, pertencentes á Xunta, Concello da Coruña ou distintas instalacións industriais, pero advirte que non foi posible realizar a avaliación en Ferrolterra-Ortegal (agás no caso das partículas) nin en Valdeorras, que carece de estación de referencia ou suficiente. A organización ecoloxista recrimina que 16 destas estacións rexistran porcentaxes de captura de datos para algún contaminante inferiores aos mínimos establecidos, polo que as conclusións deben considerar esta eiva. "Resulta elemental que a Xunta se esforce por mellorar a medición da calidade do aire na súa comunidade", reclama o colectivo.
>>> Pode ampliar a información sobre a calidade do aire en Galicia no blog 'Un claro no bosque'.