Os investigadores detallan un pago de 116.000 euros da celulosa a Equipo Económico, empresa cofundada polo ex-ministro á que sitúan na cerna da presunta trama corrupta
Dentro das revelacións do Caso Montoro varios medios de comunicación puideron detallar nos últimos días abondosos nomes de empresas que realizaron pagamentos a Equipo Económico. Trátase da empresa da que foi cofundador o que fora ministro de Facenda con José María Aznar e Mariano Rajoy e que a investigación sitúa na cerna dunha presunta trama de corrupción consistente en modificar leis segundo os intereses da súa clientela.
Varias destas cabeceiras, caso de El Periódico de Catalunya, a Cadena Ser ou El Mundo, coincidiron en sinalar que un dos informes achegados ao xuíz de Tarragona que investiga o caso por parte dos Mossos d'Esquadra -que actúa como Policía Xudicial no procedemento- reflicte un pagamento de Ence a Equipo Económico. De, concretamente, 116.160 euros no ano 2013, segundo puido confirmar Praza.gal en varios treitos da documentación.
As devanditas informacións sinalan esta parte da investigación un período entre 2012 e 2014. E relaciona pagos coma estes coas conexións que Equipo Económico tiña no Ministerio de Facenda. Para, a través delas, influír no deseño dunha lei do sector eléctrico que dependía de Industria e que prevía condicións económicas e fiscais desfavorables para empresas produtoras de enerxía, caso de Ence.
Prórroga nos mesmos anos
As pescudas ligan pagamentos empresariais a este despacho coa vontade de influír na redacción dunha lei que prexudicaba os intereses das compañías produtoras de electricidade. A APDR resalta que "foi neste período cando Ence solicitou e obtivo a prórroga para seguir na ría
A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), o colectivo que pula pola saída da fábrica de celulosa de Ence fóra da ría pontevedresa, considera que ante estas revelacións "non podemos esquecer" que "foi durante o período do Goberno de Rajoy coa trama corrupta de Montoro en Facenda" cando Ence "solicitou a prórroga da súa concesión" para seguir en Lourizán en 2013. E cando estando xa en funcións, en 2016, foi concedida esa prórroga ata 2073, despois tombada pola Audiencia Nacional pero posteriormente avalada polo Tribunal Supremo.
"Á luz das informacións agora coñecidas sobre a corrupción existente no seo do Goberno de Mariano Rajoy e dos beneficios económicos obtidos por Ence", di a APDR, cabe preguntarse "se non habería algunha negociación semellante cando foi da tramitación da prórroga da concesión administrativa" para continuar coa fábrica en terreos públicos da ría de Pontevedra. Aquela prórroga, evocan, "sorprendeu, entre outras moitas cousas, pola présa coa que se fixo".
"Pode que nalgún momento cheguemos a saber como se negociou a prórroga" que, subliñan, aínda está pendente de ditames noutras instancias. Mentres, agrega a APDR, cabe "esixir" que "dende as arcas do Estado, o que evidentemente inclúe á Xunta", "non se conceda nin un euro máis a calquera actividade promovida ou xestionada por Ence". "Así o esixe -consideran- a estética e a ética dunha Administración que se di democrática".
Praza.gal púxose en contacto con Ence para coñecer as posibles consideracións da compañía sobre estas acusacións da APDR ao fío das devanditas publicacións. Polo momento non obtivo resposta.