Entregan 230 mil sinaturas no Ministerio de Economía para salvar o CSIC

Concentración de investigadores ás portas do Ministerio de Economía CC-BY-NC-ND esmateria

Un grupo de científicos entregou este martes 230.000 sinaturas apoiando un documento para “salvar” o CSIC, o meirande organismo público de investigación en España, que atravesa a súa peor crise en décadas. Máis dun cento de persoas, moitas delas vestidas con camisetas vermellas nas que se lía “Sen ciencia non hai futuro”, acudiron á entrega das firmas na sede do Ministerio de Economía e Competitividade. Tres representantes entraron nas dependencias para depositar no rexistro as caixas coas sinaturas da iniciativa, impulsada pola plataforma Ciencia con Futuro. Mentres, un grupo de manifestantes quedou ás portas sostendo faixas que preguntaban “Sabías que o CSIC desenvolveu un composto que lles permite ás plantas adaptarse á seca?” ou “Sabías que o CSIC está a desenvolver unha vacina contra o VIH que consegue unha resposta inmune do 90%?”.

A iniciativa responde á preocupante escaseza orzamentaria do Consejo Superior de Investigacines Científicas (CSIC), que “está a piques de colapsar debido aos recortes que o Goberno impuxo sobre a I+D+i”, segundo reza o manifesto que recolleu as firmas. De feito a situación é tan grave que 100 directores do CSIC alertaron o Goberno de que as investigacións pararán en semanas se non reciben unha inxección de cartos extra, tras cinco anos de recortes continuados.

O texto do manifesto que recolleu as 230.000 firmas lembra que “aínda son necesarios 75 millóns de euros para evitar o colapso do CSIC e, a menos de seis meses da finalización do exercicio, non hai compromiso oficial da súa achega polo Ministerio de Economía e Competitividade”. O texto compara esa cantidade coa “fortuna en Suíza duns 47 millóns de euros” acumulada polo ex tesoureiro do PP Luís Bárcenas, ou “a fraude dos ERE de Andalucía que se calcula en 136 millóns de euros”.

“Comprometéronse a dar 50 millóns máis, pero aínda non vimos nada negro sobre branco”, explicaba hoxe ante a sede do ministerio José Manuel Fernández, membro da colectivo Carta por la Ciencia, que agrupa asociacións científicas, mozos investigadores e sindicatos e que tamén apoia o manifesto entregado hoxe. Fernández sinala que a súa organización pediu xa unha reunión coa vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, para tratar o problema xeneralizado dos recortes en I+D e alertala da situación na que están a operar algúns grupos de investigación que quedaron este ano sen financiamento ou o farán o próximo.

Os manifestantes recibiron ante aplausos ao tres representantes que entregaron as caixas coas firmas e que marcharon do ministerio sen seren recibidos polo ministro Luís de Guindos. Fontes da Secretaría de Estado de I+D explicaron que este organismo se puxo en contacto cos organizadores para recibir as firmas na sede, algo que finalmente non sucedeu.

Concentración de investigadores ás portas do Ministerio de Economía CC-BY-NC-ND esmateria

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.