Hai uns días púxose en marcha a segunda edición da iniciativa Unha enxeñeira ou científica en cada cole, organizada polo Concello de Santiago e a USC. Ao igual que xa fixeran o pasado ano, destacadas investigadoras e profesionais galegas dos campos da Ciencia, a Tecnoloxía, a Enxeñaría e as Matemáticas, un total de 17, ofrecen charlas e realizan obradoiros co alumnado de 5º de primaria dos centros de ensino públicos da capital galega. O obxectivo é espertar vocacións científicas e técnicas, sobre todo entre as rapazas, rachando coa crenza establecida durante décadas de que as mulleres están menos capacitadas que os homes para estes ámbitos e que dá como resultado unha importante fenda de xénero nos estudos de Informática, Física ou moitas enxeñarías.
As actividades desenvolveranse ata finais desta semana no CEIP López Ferreiro, o CEIP Mestre Rodríguez Xixirei, o CEIP Pío XII, o CEIP Raíña Fabiola, o CEIP de Roxos e o CEIP de Vite. O pasado ano, froito da mesma colaboración entre a USC e o Concello de Santiago, foran 19 as charlas e obradoiros impartidos por máis dunha vintena de investigadoras galegas.
Os obradoiros deste ano son os seguintes:
- Intelixencia artificial: O significado da intelixencia. Impartido pola profesora María Jesús Taboada Iglesias da Área de Ciencias de la Computación e Intelixencia Artificial da USC.
- Luz, cor e sombra. Impartido pola profesora Elena López Lago da Área de Óptica da USC.
- Falando cos superordenadores. Impartido por Mª José Rodríguez Malmierca e Natalia Costas, investigadoras do CESGA
- Informática visual aplicada á bioloxía. Impartido pola profesora Eva Cernadas do Departamento de Electrónica y Computación da USC e investigadora do CiTIUS.
- A túa pegada no planeta. Impartido pola profesora Almudena Hospido do Departamento de Enxeñaría Química da USC.
- Xogando coa Luz. Impartido por María Aymerich, Mª Carmen Bao Varela, Mª Teresa Flores Arias, investigadora e profesoras da Área de Óptica da USC.
- A programación é cousa de nen@s. Impartido pola profesora Paula López Martínez do Departamento de Electrónica e Computación da USC e investigadora do CiTIUS.
- A maxia da química. Impartido por Mª Dolores Pérez profesora do Departamento de Química Orgánica da USC e directora adxunta do CiQUS e Laura Acevedo, técnica superior do CiQUS.
- Só facemos química cando imos ao laboratorio?. Impartido polas profesoras Mª Raquel Domínguez do Departamento de Química Analítica e Ana Mª García Deibe do Departamento de Química Inorgánica da USC.
- Buscando estrelas. Impartido por Josefina Ling profesora de Astronomía da USC e investigadora do Observatorio Astronómico Ramón María Aller.
- Física Divertida. Impartido polas profesoras Mª José Pérez Comuñas e Encina Calvo Iglesias da Área de Física Aplicada da USC