Estudantes da UDC presentan un deseño de casas prefabricadas para persoas refuxiadas

Imaxe das casas, xa rematadas Dominio Público Praza Pública

Un grupo de estudantes do grao de Enxeñaría en Deseño Industrial da UDC, que se imparte no campus de Ferrol, participan no certame What design can do. Refugee challengeunha iniciativa de ACNUR (Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados) e a Fundación IKEA para proxectos de vivendas baratas, cómodas e de fácil montaxe para as persoas refuxiadas. 

A proposta dos cinco estudantes -Ánxela Barros, Adrián Coira, Ana Cotelo, Manuel de la Fuente e María Prieto-, como recolleu este mércores Gciencia, é o DASY Shelterun proxecto de casa prefabricada, de doada construción, con materiais accesibles e múltiples posibilidades e tamaños grazas ao seu deseño por módulos. O equipo destaca que se busca ofrecer un acomodo "digno" e "confortable" a estas persoas e que se optimizaron ao máximo todas as características do proceso de construción, de xeito que os materiais que se empregan son os habituais na construción convencional, e de que se simplificou tanto o mecanismo de trasporte dos elementos que o conforman coma a súa montaxe. O refuxio DASY é, de momento, a segunda proposta con máis votos e conta cunha elevada puntuación media (4.62 puntos sobre 5).

O proxecto compite con outros 600, procedentes de todo o planeta, nun concurso que aínda ten aberto o seu prazo de admisión de participantes. Os premiados coñeceranse o 1 de xullo: cinco finalistas recibirán asesoramento de profesionais especializados de ACNUR e da Fundación Ikea, participando en obradoiros nos que poderán desenvolver os seus proxectos e construír un prototipo, e contando cunha bolsa de 10.000 euros para facelo. Os cinco finalistas presentaran entre outubro e novembro os seus prototipos e os seus plans de negocio. O gañador final construirase efectivamente e comezará a dar servizo ás necesidades das persoas refuxiadas dende o inicio do ano 2017.

As vivendas teñen un sinxelo proceso de montaxe Dominio Público Praza Pública
Imaxe das casas, xa rematadas Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.