Eu, Escornabot

Xornada esconabótida Dominio Público Proxecto Escornabot

Hai uns meses un grupo de mozos da asociación coruñesa Bricolabs, asociación de fomento das tecnoloxías libres (na liña aberta por makerspaces e fablabs, afeccionados a fabricar e fedellar con cacharros tecnolóxicos feitos por eles mesmos), botaron a andar Escornabot, un proxecto de robot educativo aberto, buscando iniciar os rapaces e rapazas máis pequenos no campo da robótica e a programación. Trátase dun proxecto de hardware e software libre, polo que o seu desenvolvemento está aberto á comunidade, que ten o código completo e toda a documentación e guía de montaxe de Escornabot á súa disposición. Os movementos do robot poden ser programados a través dun teclado ou cun móbil ou tablet Android e os materiais para construílo teñen un custe inferior aos 30 euros.

Os movementos do robot poden ser programados a través dun teclado ou cun móbil ou tablet Android e os materiais para construílo teñen un custe inferior aos 30 euros

Escornabot foi presentado en novembro do pasado ano na Feira de Tecnoloxía Aberta OSHWDem, celebrada na Coruña. Xa houbo actividades relacionadas con estes pequenos robots na EEI de Barrionovo (Pastoriza-Arteixo), o CEIP Valle Inclán (Oleiros) e a Escola Infantil de Montealto (A Coruña) e centros de Madrid, Vigo e Ciudad Real tamén se interesaron polo proxecto. Así mesmo, GALPon (Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra) e un colectivo ourensán realizarán o vindeiro ano xornadas interactivas con Escornabot.

Os seus promotores buscan que o proxecto se expanda. Para iso levan a cabo dúas iniciativas de difusión: a Familia Viaxeira, na que emprestan un grupo de escornabots a un colexio, coa condición de que "entren 3 e saian 4", é dicir, ademais dos robots montados, os centros de ensino reciben tamén un escornabot en pezas que debe regresar montado. O obxectivo é que os e as escolares sexan protagonistas no proceso de construción, aprendendo cuestións importantes sobre hardware, e tamén que a familia de escornabots medre, para que sexan máis os colexios que accedan ao robot. Ademais, tamén se levan a cabo Xornadas Escornabótidas, nas que un grupo de persoas (asociación, veciños...) se xuntan un día para facer escornabots que queden despois a disposición de nenos nun lugar público. A entidade ou grupo que o faga recibirá un certificado simbólico. Polo de agora só se celebrou unha destas xornadas, pero está previsto que haxa máis nos vindeiros meses.

O equipo que impulsa o proxecto pon o foco "na aprendizaxe, no proceso de saber e coñecer, máis que na propia ferramenta"

Tucho, mestre de Tecnoloxía e un dos deseñadores iniciais do Escornabot, destaca que o equipo que impulsa o proxecto pon o foco "na aprendizaxe, no proceso de saber e coñecer, máis que na propia ferramenta". "Trátase de aprender, non de ter", di, unha das razóns polas que o robot non se vende ensamblado, sendo obrigatorio que o posible interesado ou interesada o constrúa. "Queremos que isto sente bases para unha relación de colaboración entre o mundo maker e a escola", engade

Ademais do pracer meramente construtivo e desta aprendizaxe, os escornabots -unha vez montados- permiten realizar múltiples actividades, executando movementos que deben ser previamente programados polo neno ou nena. Dende un baile, ata o percorrido sobre un mapa, mesturando sempre os obxectivos didácticos cos lúdicos, "traballando habilidades como a lateralidade, a memoria, a planificación ou seriación", destacan os seus impulsores.

"Eu levo moitos anos sendo usuario de software libre, pero nunca fun desenvolvedor"-di Tucho- "É moi bonito estar nun proxecto no que, ao ser aberto, ves que de súpeto se reproduce noutro lugar, por xente que non coñeces. Ves o poder da comunidade. Ves como, ao igual que noutras iniciativas deste tipo, o proxecto é posible porque alguén liberou moito coñecemento, código, deseños...".

"Queremos que o proxecto chegue ao maior número de centros posible"

"Queremos que o proxecto chegue ao maior número de centros posible", destaca, e por iso demanda a colaboración da Consellaría de Educación ou doutras institucións, de xeito que se impliquen na súa difusión, aproveitando as posibilidades educativas deste proxecto, que polo de agora foi custeado unicamente polos seus creadores. "O número de colaboradores medra a diario, hai máis colexios interesados e xente con coñecementos e recursos técnicos dispostos a apoialos, así que cremos que nos próximos meses veremos máis escornabots e máis familias viaxeiras polos lugares máis insospeitados", conclúe

Un dos escornabots Dominio Público Proxecto Escornabot
Presentación dos escornabots Dominio Público Proxecto Escornabot
Xornada esconabótida Dominio Público Proxecto Escornabot

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.