Funil.gal promoverá o uso do galego na ciencia e na investigación

Cartaz do Día da Ciencia en Galego Dominio Público USC

A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística  porá en marcha o proxecto Funil.gal, unha iniciativa que procurará dotar á lingua galega de novas ferramentas multimedia para o ámbito científico, inicialmente no ámbito da química e en concreto no terreo das prácticas de laboratorio nas tres universidades galegas. Contará co financiamento destas e tamén da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia. Esta comisión, de presidencia rotatoria entre as tres universidades galegas, celebrou este venres 9 unha xuntanza na Reitoría da USC onde se reuniu por vez primeira iniciando a quenda da universidade compostelá na súa presidencia.

A iniciativa procurará dotar a lingua galega de novas ferramentas multimedia para o ámbito científico, inicialmente no ámbito da química e en concreto no terreo das prácticas de laboratorio nas tres universidades galegas

A elaboración dunhas bolsas para a interpretación simultánea á lingua galega nos congresos de carácter científico que se celebren nas tres universidades foi outro dos temas tratados na xuntanza, na que se abordou tamén o proxecto de edición en galego de manuais dos primeiros cursos dos graos.

Na xuntanza participaron o reitor Juan Casares, en calidade de presidente da Comisión; a secretaria xeral da USC e o da Universidade da Coruña, Lourdes Noya e Carlos Alberto Amoedo, respectivamente; os responsables de Normalización Lingüística das tres universidades, Manuel Núñez Singala (USC), Xosé Ramón Freixeiro Mato (UDC) e Paula Cabral Pedreira (UVigo); o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a subdirectora xeral de Planificación da Secretaría Xeral de Política Lingüística, María Elvira Casal García; e o profesor Eduardo González Gurriarán.

A comisión xa levou a cabo a campaña En galego tamén se fai ciencia

Esta comisión, de presidencia rotatoria entre as tres universidades galegas e responsable de iniciativas previas semellantes de promoción e normalización do idioma como por exemplo a campaña En galego tamén se fai ciencia. Esta campaña salientaba que "a defensa do galego vai máis alá do seu emprego literario ou da reflexión lingüística. A defensa do galego inclúe tamén o seu uso cotián en todos os ámbitos da sociedade. En espazos específicos de investigación, hoxe en galego tamén se fai ciencia".

Cartaz do Día da Ciencia en Galego Dominio Público USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.