Galicia, a comunidade con máis persoas sen acceso á banda larga de máis dun mega

Dominio Público Praza Pública

A publicidade das compañías de ADSL falan de 10, de 20, de 50 megas, e subindo. Pero aínda hai moitas persoas, sobre todo nas zonas rurais, que nin sequera pode acceder a conexións a Internet de 1 mega, unha velocidade garantida como servizo universal. Un informe presentado pola Universidad Politécnica de Madrid, coa colaboración de Eutelsat (que ofrece, por certo, conexións a Internet vía satélite) indica que no Estado español ao redor de medio millón de persoas non poden acceder á rede nin sequera a esa velocidade (pouco máis do 1% da poboación). 

En Lugo o 9,04% da poboación non pode acceder a conexións de máis dun mega, o mesmo que o 4,67% dos ourensáns

Porén, os datos galegos son moito máis preocupantes, e máis do 4% dos habitantes teñen esta conexión limitada, o que converte a Galicia na comunidade autónoma con conexións máis pobres, moi por diante de Asturias (2,58%), Castela e León (2,41%) e Castela A Mancha (2,31%). Por provincias destaca Lugo, onde o 9,04% da poboación non pode acceder a conexións de máis dun mega, o mesmo que o 4,67% dos ourensáns. Isto afecta aos núcleos moi illados, evidentemente, pero non só, pois o informe indica tamén que o 27,73% da poboación sen cobertura vive en concellos de entre 1.000 e 5.000 habitantes, e o 26,43% en municipios de entre 10.000 e 50.000 habitantes.

"A fenda dixital que separa as zonas rurais e o extrarradio do centro das cidades segue crecendo, supoñendo así un risco real de exclusión das tecnoloxías de alta velocidade para estas áreas", explicou na presentación do estudio Alessandro Cirenei, director xeral para España de Skylogic, filial de Eutelsat.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.