Galicia acolle a elite científica internacional en enerxía, medio ambiente e economía

Imaxe dunha edición anterior do Congreso © Economics for Energy

A Toxa acollerá este mércores e xoves a sexta edición do Workshop Atlántico sobre Economía Enerxética e Ambientalun evento que cada dous anos organizan o centro de investigación galego Economics for Energy e o alemán Centro para a Investigación Económica Europea. O evento reunirá algúns dos principais expertos internacionais en enerxía, medio ambiente e economía e servirá para presentar unha plataforma europea de investigación no ámbito da economía da eficiencia enerxética, promovida por estes dous centros de investigación máis o Instituto Federal de Tecnoloxía de Zürich e a Fundación Eni Enrico Mattei (FEEM), de Italia.

A coordinación da organización do congreso corresponde un ano máis ao investigador galego Xavier Labandeira, director de Economics for Energy e que en setembro asumirá a dirección da Unidade de Investigación sobre Política Climática (CPRU) do European University Institute, un dos centros de referencia para a Comisión Europea nesta materia. En entrevista con Praza Pública, hai uns meses, Xavier Labandeira destacaba a necesidade de levar a cabo "cambios estruturais" na xestión enerxética, para "non estar simplemente nas mans do ciclo económico", desacoplando "a evolución das emisións de gases de efecto invernadoiro da evolución económica para que cando se inicie o período de crecemento non se disparen novamente as emisións causantes de cambio climático".

A eficiencia enerxética é "un dos instrumentos máis importantes e urxentes para reducir a contaminación, mitigar o cambio climático, reducir a dependencia dos combustibles fósiles e conseguir aforros moi significativos na factura enerxética"

Os organizadores do congreso salientan que a eficiencia enerxética é "un dos instrumentos máis importantes e urxentes para reducir a contaminación, mitigar o cambio climático, reducir a dependencia dos combustibles fósiles e conseguir aforros moi significativos na factura enerxética de familias e empresas". Neste congreso exporanse as investigacións máis relevantes e recentes a nivel mundial neste ámbito. Os seus responsables detacan que as súas conclusións "son seguidas con interese polas administracións e institucións con competencias na regulación das políticas de eficiencia enerxética, renovables e cambio climático". Os relatorios científicos estarán a cargo de expertos chegados de Alemaña, Italia, Francia, Suíza, Reino Unido, Portugal, Australia, Xapón, Estados Unidos e Chile, ademais de España.

Os relatores principais serán Richard Schmalensee e Massimo Filippini

Os relatores principais serán Richard Schmalensee e Massimo Filippini. O primeiro, que tratará o futuro da enerxía solar, é profesor do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT), onde dirixiu o seu Centro de Investigación de Políticas Enerxéticas e Ambientais, e foi membro do Consello de Asesores Económicos do presidente dos Estados Unidos. Pola súa banda, Filippini é director do Centro de Política e Economía da Enerxía do Instituto Federal de Tecnoloxía de Zürich (ETH Zürich, considerado o MIT europeo) e membro do Centro de Investigación Económica, dependente do mesmo organismo. A súa intervención estará centrada na eficiencia enerxética no sector residencial. En total, durante o congreso realizaranse 45 relatorios, entre sesións plenarias e paralelas, ás que se sumará unha mesa redonda sobre as fronteiras da economía da eficiencia enerxética, na que debaterán expertos procedentes de centros europeos, estadounidenses e xaponeses, procurando obter unha perspectiva mundial.

Imaxe dunha edición anterior do Congreso © Economics for Energy
Imaxe dunha edición anterior do Congreso © Economics for Energy

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.