Galicia perdeu 18.000 habitantes durante o ano pasado

Xente paseando pola cidade de Vigo CC-BY Iván PC

Galicia continúa perdendo habitantes. O país perdeu un total de 17.999 habitantes, o que representa unha caída do 0,6% nun ano, e conta agora con 2.763.499 cidadáns, segundo os datos a 1 de xaneiro de 2013 do Instituto Nacional de Estatística (INE).

A poboación descende en Galicia en 18.000 persoas e en máis de 205.000 no conxunto do Estado

No conxunto do Estado, a poboación sitúase en algo máis de 47 millóns de habitantes (47.059.533) , o que supón unha diminución de 205.788 persoas respecto dos datos a 1 de xaneiro de 2012. Así, no último ano a poboación diminuíu en todas as comunidades autónomas e só aumentou na cidade autónoma de Melilla.

Por sexos, dos 2.763.499 habitantes de Galicia, 1.334.183 son homes e 1.429.316 mulleres, mentres que as provincias atlánticas concentran a maioría da poboación do país. A Coruña conta con 1.137.303 habitantes, e Pontevedra, con 954.266; mentres que Lugo suma 345.666 e Ourense, 326.264 censados.

Segundo os datos difundidos polo INE, Galicia conta con 234 municipios --dos 315-- con entre 1.001 e 10.000 habitantes; 49 de entre 10.001 e 50.000; 25 con menos de mil; catro de 50.001 a 100.000 e tres con máis de 100.000.

Do 100% dos censados no país, o 33,2% reside en municipios de 10.001 a 50.000 habitantes; o 30% en localidades de 1.001 a 10.000; o 23,5% en cidades de máis de 100.000 residentes; o 12,6% en concellos de 50.001 a 100.000 e o 0,7% en localidades de menos de mil habitantes.

Pola súa banda, a proporción de cidadáns estranxeiros sobre o total da poboación residente en España sitúase no 11,7%. As comunidades con maior proporción de estranxeiros son Illes Balears (20,1%), Comunitat Valenciana (16,8%) e Rexión de Murcia (15,7%), aínda que durante o ano 2012 o número de estranxeiros diminuíu en todas as comunidades autónomas e soamente, segundo os datos do INE, se incrementou na cidade autónoma de Melilla (1.331 máis).

A poboación estranxeira en Galicia diminúe un 2,5% respecto a 2012

No caso concreto de Galicia, a poboación estranxeira descendeu un 2,5%, ao pasar de 112.183 a 1 de xaneiro de 2012, a 109.386 a principios de 2013, o que supón 2.797 persoas menos.

Xente paseando pola cidade de Vigo CC-BY Iván PC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.