Galicia queda sen hospital de referencia para casos de ébola

A conselleria Mosquera, nunha visita ao Meixoeiro © Xunta

Galicia queda sen hospital de referencia para casos de ébola. O Ministerio de Sanidade autorizou só sete centros en todo o Estado para o tratamento destes casos pero deixou fóra o Meixoeiro de Vigo, que era o indicado como de referencia no país. Foi o Comité Especial para a Xestión do Ébola o encargado de designar os 24 lugares destinados ao tratamento do virus logo de visitar todas as unidades que as autonomías designaran para acoller os infectados.

O Ministerio de Sanidade autorizou só sete hospitais para tratar os casos, entre os que non está o Meixoeiro, que queda como centro de diagnóstico

O Meixoeiro, e todo grupo dos 24 hospitais que foran designados antes, quedan como centros de diagnóstico, pero só serían empregados para que os sospeitosos de sufrir o virus fosen aislados nas unidades especiais. No caso de que se confirmase que o afectado sofre a enfermidade, tería que ser trasladado a un deses sete hospitais de referencia para o tratamento entre os que non hai ningún galego.

Para determinar que centros poderían tratar os casos de ébola analizáronse diferentes características que deberían cumprir as unidades de cada un destes 24 hospitais e o Meixoeiro non tería cumprido con todos os requirimentos. O Sergas argumenta que o feito de que Galicia fose das poucas comunidades onde non houbo sospeita ningunha, que non haxa ningún voo directo nos aeroportos galegos con países de Árica afectados polo virus, así como o baixo índice de inmigrantes destas zonas, xustificarían este descarte.

O Sergas xustifica a decisión na ausencia de casos sospeitosos en Galicia ou de voos directos con países afectados

Así, no caso de que se detectase algún caso de ébola confirmado, os pacientes terían que ser trasladados -cumprindo todas as medidas de seguridade- a algúns dos sete hospitais determinados para o seu tratamento. Algúns dos máis achegados serían os de Madrid ou Euskadi.

CIG-Saúde criticou a decisión do Consello Interterritorial de Saúde, por "deixar Galiza sen hospital de referencia para o tratamento do ébola". O sindicato defende que "a sanidade pública galega ten que dispoñer de todos os recursos humanos, materiais e formativos necesarios para atender todas as patoloxías que se poidan presentar e só en casos puntuais,  en patoloxías que requiran tratamentos de especial complexidade ou medios diagnósticos especiais, deberían ser enviados a hospitais que teñan eses medios".

A CIG critica a decisión porque "a sanidade pública galega ten que dispoñer de todos os recursos para todas as patoloxías"

A CIG insiste en que p tratamento da enfermidade por virus ébola "require de recursos materiais, técnicos e humanos que, se se toman as medidas de xestión axeitadas, están ao alcance da sanidade pública galega". "As decisións do Consello Interterritorial deixan nunha situación de dependencia á nosa sanidade e non garanten a mellor atención para as e os posibles pacientes: non se garanten nin tempos nin medios de traslado para iniciar un tratamento unha vez realizado o diagnóstico", di.

Xa por último, a CIG cre que esta decisión "desmente as repetidas declaracións da Conselleira de Sanidade no sentido de que estabamos sobradamente preparados para atender un caso de ébola". "E dános a razón nas denuncias previas que CIG-Saúde leva feitas nos últimos meses", remata.

A conselleria Mosquera, nunha visita ao Meixoeiro © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.