Galicia será por dous días a capital mundial do software libre

Dominio Público Praza Pública

Compostela converterase por dous días na capital mundial do software libre. Os vindeiros 18 e 19 de outubro a Asociación de empresas galegas de software libre (AGASOL) organiza a Libre Software World Conference na Cidade da Cultura. O obxectivo do evento é dar a coñecer casos de éxito baseados en software libre, dar conta das últimas novidades, e establecer un marco para a discusión e o encontro entre empresarios, usuarios e as propias administracións. 

O encontro contará coa participación de Bruce Perens (co-fundador da Open Source Initiative), Jeremy Allison (Google Open Source programs Office/Samba Team), John Sullivan (director executivo da Free Software Foundation), Marco Lima (Director Executivo na Expert Solutions Consulting), Fernando Botelho, promotor do proxecto F123 do goberno de Brasil para a educación con software libre a persoas con discapacidades, ou Júlio Cezar Neves, director do Servizo Federal de Procesamento de Datos (Serpro) do Goberno de Brasil.

Bruce Perens ofrecerá a conferencia inaugural e John Sullivan pechará a conferencia

De feito será Bruce Perens o encargado da conferencia inaugural o xoves 18. A seguir haberá presentacións a cargo de Irontec ou Lener e un debate sobre Eficiencia presupuestaria. Pola tarde celebrarase unha nova mesa redonda sobre Políticas de liberación e reutilización de Software na AAPP. E a última parte da primeira xornada estará dedicada á economia social coa participación de Christian Felber, especialista en economía sustentable e alternativas aos mercados financeiros e creador do concepto de Economía do Ben Común, e de Joan Antoni Melé, subdirector xeral de Triodos Bank. O venres haberá presentacións a cargo de Opentia, Igalia e o Proxecto Trasno e unha mesa redonda sobre open dataJohn Sullivan pechará a conferencia.

Haberá tres áreas de contido: o das empresas, o das administracións e o da cidadanía, de maneira que se exporá abertamente que se está facendo en cada un destes sectores en materia de software libre, cales son as demandas e cales as solucións. A Libre Software World Conference será un evento aberto ao público. A organización ten en marcha unha páxina web na que poder inscribirse gratuitamente.

Edición 2011 da conferencia © zentyal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.