Galicia volve liderar a perda de poboación no Estado

Dous nenos ante un ordenador © Consellería de Educación

Galicia segue a perder habitantes. E moitos. Durante o primeiro semestre de 2014, un total de 6.138. Con 9.750 nacementos e 15.888 falecementos, volve situarse na cabeza do ránking de comunidades autónomas con peor saldo vexetativo do Estado. Son as cifras que se tiran dos datos provisionais publicados este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que reflicten que, aínda que os nacementos aumentaron un 0,5% con respecto ao primeiro semestre de 2013, as defuncións subiron un 1,4% no mesmo período. A desfeita demográfica que non para.

No primeiro semestre de 2014, en Galicia naceron 9.750 persoas pero morreron 15.888

En Galicia, o saldo vexetativo xa era negativo no primeiro semestre de 2013, cunha perda poboacional de 5.967 persoas na autonomía. Agora, son case 200 máis. Pola contra, e en paralelo a este descenso, no conxunto de España incrementouse o número de nacementos por primeira vez desde 2010, cunha suba do 1%, até os 209.482 persoas. Malia un aumento das defuncións dun 3,5%, cun total de 207.445 persoas falecidas en España entre xaneiro e xuño, o saldo vexetativo é positivo.

Con todo, o crecemento da poboación segue en caída e alcanza o 70,5% en relación aos números rexistrados no primeiros seis meses do pasado ano. Respecto disto, o INE explicou que os primeiros semestres de cada ano caracterízanse por ter maior mortalidade e menor natalidade que os segundos semestres, polo que o saldo vexetativo esperado para 2014 é aínda positivo (ao termo do ano pasado foi de 35.296 persoas).

Galicia presenta unha das taxas máis baixas de fecundidade e é unha das autonomías onde a maternidade chega máis tarde (32,3 anos)

Pero ademais, Galicia segue a presentar unha das taxas máis baixas de fecundidade do Estado, con 1,04 nenos por muller en idade féritil. Só é peor nas Canarias (0,99 fillos por muller) e Asturias (0,96). No mesmo sentido, o país tamén é unha das autonomías onde a maternidade chega máis tarde, aos 32,33 anos de media, segundo estes mesmos datos do INE.

Dous nenos ante un ordenador © Consellería de Educación

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.