Galicia volve situarse como a comunidade con menos internautas

Dous nenos ante un ordenador © Consellería de Educación

O uso novas tecnoloxías e as redes esténdense por Galicia, en todos os ámbitos e grupos de idade, pero o crecemento segue a ser insuficiente para situarnos ao mesmo nivel que outras comunidades. Galicia é o territorio do Estado cunha menor porcentaxe de internautas, segundo revelan os datos publicados esta semana polo INE na súa Enquisa sobre equipamento e uso de tecnoloxías de información e comunicación nos fogares. Segundo este estudo, o 71,9% dos galegos e galegas empregan Internet algunha vez cada tres meses, crecendo 2.6 puntos con respecto aos datos de 2014 (69,3%), unha evolución que sitúa Galicia por detrás de Estremadura (72,6%), Andalucía (74,1%) ou Castela-A Mancha (74,3%).

Galicia está lonxe da media española (78,7%), unha fenda de case sete puntos que practicamente non variou na última decada

Galicia está, ademais, lonxe da media española (78,7%), unha fenda de case sete puntos que practicamente non variou na última decada. En 2006 a porcentaxe de usuarios e usuarias de Internet situábase en Galicia no 42,1%, fronte áo 47,3% do conxunto do Estado, unha diferenza de cinco puntos. A fenda chegou a ser de 11 puntos en 2010 (52,5% fronte a 63,5%), aínda que no 2012 volvera caer ata os seis puntos (63,5 fronte a 69,5%). Dende entón, permanece estable.

Non hai tanta diferenza en canto aos equipamentos. En Galicia o 75,6% das vivendas teñen acceso a Internet, fronte a unha media do 78,7% no conxunto do Estado. O dato galego, de feito, é superior ao de Estremadura, A Rioxa, Comunidade Valenciana ou Castela-A Mancha. O mesmo sucede coa proporción de vivendas con conexión de banda larga: 75,2% en Galicia e 77,8% no conxunto do Estado. A porcentaxe de fogares conectados aumentou seis puntos no último ano en Galicia (dende o 69,6%), nunha tendencia de rápido crecemento (no ano 2010 era do 48,3%). Os datos son coincidentes cos do recente estudo publicado polo Observatorio da Sociedade da Información de AMTEGA. Entre 2010 e 2014 aumentaron un 51% os fogares galegos con Internet de banda larga, ata acadar unha porcentaxe do 70,3%.

Non hai tanta diferenza en canto aos equipamentos. En Galicia o 75,6% das vivendas teñen acceso a Internet, fronte a unha media do 78,7% no conxunto do Estado

A fenda de usos tamén é máis estreita no referente ao comercio electrónico. O 29,7% dos galegos e galegas afirmaron realizar algunha compra a través da rede, unha porcentaxe lixeiramente inferior á media española (32,1%). Galicia mellora os datos de Murcia, Canarias ou Andalucía.

 

Plan Banda Larga 2020

Precisamente este xoves o Consello da Xunta aprobou o Plan de Banda Larga de Galicia 2020, co que o Goberno galego asume os compromisos de dar cobertura de banda larga de cando menos 30 megas para a práctica totalidade da poboación, así como servizos de banda larga por riba dos 100 megas para os núcleos de poboación de máis de 500 habitantes, para o 60% dos galegos.

O plan prevé destinar ao redor de 100 millóns de euros para promover o acceso á banda larga de alta velocidade, garantir un entorno favorable para axilizar a extensión de infraestruturas e favorecer a demanda de servizos de banda larga. En canto a este obxectivo, a Xunta propón estimular a demanda de servizos de banda larga incrementando así o número de usuarios conectados á Rede. Impartiranse cursos formativos específicos para aumentar a capacitación dixital da cidadanía e empresas e, á súa vez, haberá outras actuacións de sensibilización e difusión sobre a utilidade dos servizos de banda larga.

Dous nenos ante un ordenador © Consellería de Educación

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.