Igaciencia: Un ano máis promovendo a ciencia en galego

Entrega dos premios Igaciencia © Igaciencia

Igaciencia leva anos traballando a prol da Ciencia Galega e do Galego na Ciencia, como se pode ler no encabezamento da súa web, organizando numerosas actividades, dirixidas principalmente aos centros de ensino. Por exemplo, o Concurso Galego de Robótica, que xa vai pola súa sexta edición, o Día da Ciencia en Galego, o Congreso de Software Libre para Educación, que celebrou este mes de xullo por terceira vez, así coma concursos, rallies matemáticos e outras iniciativas. En total, ao longo de 2014 máis de catro mil alumnos e alumnas de centros de toda Galicia participaron nas iniciativas de Igaciencia. O pasado mes de maio falabamos co seu presidente, Manuel Díaz Regueiro

En total, ao longo de 2014 máis de catro mil alumnos e alumnas de centros de toda Galicia participaron nas iniciativas de Igaciencia

A última destas actividades foi a entrega de premios nos concursos Inventa en Galego e Sensores para Todos, que tivo lugar o pasado venres na Coruña. Inventa en Galego propúxolles aos centros educativos de Galicia elaborar unha app para dispositivos Android na linguaxe de programación App Inventor que reflectise os lugares interesantes e turísticos da súa cidade comarca. O IES Concepción Arenal de Ferrol obtivo o primeiro premio, e o IES Chano Piñeiro de Forcarei o segundo, con mencións especiais para o CPI de Atios de Valdoviño e o IES Menéndez Pidal da Coruña. Grazas a este concurso os Concellos de Ferrol, Forcarei, Valdoviño e A Coruña xa dispoñen de apps que describen parcial ou completamente eses concellos. E, destacan dende Igaciencia, "o que é maís importante: case vinteún rapaces saben programar aplicacións para smartphones Android, grazas a os esforzos do profesorado por poñelos ao día e preparalos para competir no concurso".

De igual xeito, o concurso Sensores para Todos animaba a facer "unha utilización tecnoloxicamente interesante" de sensores de Arduino ou Lego. Neste caso foron 29 os alumnos e alumnas premiadas, pertencentes aos centros de ensino CPI de San Sadurniño, IES de Brión, IES Concepción Arenal de Ferrol e IES Menéndez Pidal da Coruña.

Entrega dos premios Igaciencia © Igaciencia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.