Igrexa 2.0. José Manuel Castro Alba é o crego que administra a actividade relixiosa en 11 parroquias do Páramo (Lugo). Usuario habitual das redes sociais, que emprega como ferramenta de comunicacións cos seus fregueses, o mes pasado lanzou a aplicación para dispositivos móbiles Misas no Páramo, que informa sobre os horarios das eucaristías nas igrexas que leva persoalmente, e sobre os aniversarios, funerais e festas patronais. Castro Alba mantén así mesmo un actualizado blog con información das parroquias do Páramo.
A app acadou notable sona en moi pouco tempo, con ampla repercusión nos medios de comunicación e mesmo aparecendo no último vídeo musical de Páramo Pictures, Vente Empacar, versión paródica do Vente Pa' Ca de Ricky Martin e Maluma.
O seu autor destaca que a aplicación xurdiu nun curso de novas tecnoloxías e naceu "coa idea de facer máis fácil o acceso aos horarios de misas nas parroquias do Páramo". "A execución foi sinxela, unha vez que xa existía un calendario web con toda a información simplemente ideouse unha contorna gráfica con distintas seccións e enlazouse a este calendario", di. A aparición desta app non eliminou, no entanto, a entrega desta mesma información impresa, que se segue realizando de forma trimestral. Porén, os horarios presentes nestes boletíns ás veces fican desactualizados, ao non poder facerse cambios ou novas incorporacións.
A app ten igualmente unha versión web, que permite o seu acceso dende o smartphone sen ter que instalar a aplicación, destacando o seu autor que esta vía permite a súa consulta aos usuarios de iPhone.
