iLoveScience: Científicos e cidadáns camiñan xuntos

Imaxe dunha das campañas en marcha na plataforma © ILoveScience

Un grupo de investigadores, entre os que se atopa o galego Roi Villar, puxo en marcha hai unhas semanas iLoveScience, unha plataforma de crowdfunding para buscar financiamento para proxectos de investigación científica, de xeito que calquera persoa poida facer unha achega a unha investigación que lle interese ou considere valiosa. A web comezou a funcionar o 13 de xaneiro, e dende entón xa recadou máis de 1.500 euros. Detrás desta iniciativa está a crise de financiamento e os recortes que afectan á ciencia española dende o comezo da crise económica. Dende o 2009 o investimento estatal en ciencia xa acumula unha caída do 40%. 

"Desfinanciar (ou recortar) no aparello de I+D non é outra cousa que deixar de botar gasolina ao coche que nos leva ao futuro"

Fartos destes obstáculos, Federico García, Roi Villar, Alejandro Macho e Ricardo Costa comezaron a traballar hai dous anos neste proxecto, seguindo outros exemplos de financiamento colectivo que en países coma os Estados Unidos levan anos dando os seus froitos. "iLoveScience responde ás consecuencias da crise financeira no aparello de I+D", destaca Roi Villar, pero engade que o proxecto "foi evoluíndo cara á visibilización da ciencia que se fai preto da casa e de involucrar aos cidadáns nela. O noso obxectivo é que os cidadáns se sintan protagonistas dos descubrimentos científicos".

Roi Villar comenta que "son investigador do CSIC e xa vin investigadores sen financiación, laboratorios baleiros e centros realizando EREs. Desfinanciar (ou recortar) no aparello de I+D non é outra cousa que deixar de botar gasolina ao coche que nos leva ao futuro". E engade que "agardamos que o apoio colectivo aos proxectos científicos chame á atención doutras organizacións e todos xuntos poidamos presionar para manter un sistema de investigación competitivo". 

"iLoveScience presenta a vantaxe de que pode financiar proxectos iniciais preliminares que non serían financiados polas convocatorias habituais"

Villar descarta que estas fórmulas de financiamento colectivo poidan ser entendidas como unha forma de descargar do Estado a súa responsabilidade de apoio ao sistema científico: "O crowdfunding non podería soportar por si soa as ínfimas porcentaxes dos orzamentos dedicados a I+D. O financiamento colectivo é unha maneira de para xerar unha comunidade que abandeire a ciencia. Ademais, iLoveScience presenta a vantaxe de que pode financiar proxectos iniciais preliminares que non serían financiados polas convocatorias habituais". 

 

Ciencia e cidadanía

“Na nosa sociedade, onde apenas hai paixón pola ciencia e os descubrimentos, os recortes en ciencia eran cuestión de tempo”, di Roi Villar: “No meu día a día, vexo que aos científicos nos custa moito achegarnos ao resto da cidadanía. Agora non temos outro remedio: ou saímos á rúa ou marchamos”. Así pois, no medio dunha crise económica que fai perigar a viabilidade do noso sistema científico nace iLoveScience co obxectivo de axuntar ciencia e cidadáns. "Cremos que chegou a hora de mellorar a colaboración entre a ciencia e o resto da sociedade para que ambas poidan gozar da súa relación" -explica- "na nosa sociedade, científicos e cidadáns só de cando en cando camiñan xuntos. Isto provocou unha desafección mutua que impide o progreso científico e social".

"Na nosa sociedade, científicos e cidadáns só de cando en cando camiñan xuntos. Isto provocou unha desafección mutua que impide o progreso científico e social"

Villar afirma que a ciencia aínda non se pode considerar "popular", sobre todo fóra das ciencias da saúde. "Con todo, xorden iniciativas marabillosas por todas partes: publicacións online como Materia, redes de blogues como Naukas...", di, pero subliña que "hai moito traballo feito e por facer para que a ciencia chegue ao conxunto da sociedade, sobre todo máis alá de internet. É curioso coma iniciativas como a clásica Gala dos Inocentes na televisión ou a Marató de TV3 si que espertan interese mentras que programas de divulgación son descatalogados da grella das cadeas". 

 

Tres proxectos en marcha

iLoveScience acepta proxectos de investigación científica, emprendemento tecnolóxico ou divulgación da ciencia, que non superen os 10.000 euros e presenten resultados nun prazo menor dun ano

iLoveScience acepta proxectos de investigación científica, emprendemento tecnolóxico ou divulgación da ciencia, que non superen os 10.000 euros e presenten resultados nun prazo menor dun ano. Estes proxectos deben pertencer a grupos de investigación establecidos e activos, xa que iLoveScience non pretende substituír ao financiamento tradicional. Como destacan os seus promotores, iLoveScience "combina os valores dunha ONG coa flexibilidade e compromiso dunha pequena empresa tecnolóxica", pois "actúa de intermediario entre doantes e promotores de proxectos para asegurar as transaccións económicas e a execución dos proxectos financiados". Nestes momentos a plataforma acolle e difunde tres proxectos de investigación, sobre o cancro de mama, a enfermidade de Alzheimer e as infeccións do sangue ou septicemias. Cada proxecto dispón dun período de 60 días para acadar a cantidade proposta ou será descartado

Roi Villar explica que o funcionamento da plataforma é moi sinxelo: "Queremos distraer os investigadores o mínimo posible da súa actividade científica. Basta con enviarmos un correo electrónico coa súa proposta, anque sexa reciclada. O noso comité científico valóraa e a equipa xestora encárgase de darlle forma para que sexa máis comprensible así como deseñar as recompensas. A partir de aí traballamos sempre coa equipa promotora do proxecto para estarmos aliñados na estratexia de comunicación".

Captura de pantalla da web © https://ilovescience.es/
Imaxe dunha das campañas en marcha na plataforma © ILoveScience

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.