INTERACTIVO | Voando pola Galicia urbana dos anos 40: así mudaron as nosas cidades

A Coruña, en 1946 e na actualidade CC-BY-SA Praza Pública

A mediados da década dos anos 40 do século pasado as cidades galegas estaban habitadas por arredor de 400.000 persoas, mentres que no resto do país vivían arredor de 2,1 millóns de mulleres e homes. Aqueles sete centros urbanos que aínda se resentían das consecuencias do golpe franquista foron fotografadas en 1946 polo servizo cartográfico do exército dos Estados Unidos dentro do seu voo por toda Galicia. Unha década antes do seu célebre voo fotogramétrico os avións norteamericanos captaron imaxes que agora comezan a ser dixitalizadas e colocadas sobre o mapa no Instituto de Estudos do Territorio, dependente da Consellería de Medio Ambiente.

O Instituto de Estudos do Territorio avanza o traballo sobre as imaxes tomadas polo exército americano en 1946 cunha fotografía de cada unha das sete cidades

Como "anticipo" deste proxecto, que o IET desenvolve en colaboración co Ministerio de Defensa e o Instituto Geográfico Nacional, a institución galega vén de liberar unha ortofoto de cada unha das sete cidades galegas que, confrontadas coas captadas na actualidade por satélites como os empregados por Google Maps, de onde tiramos as fotografías actuais, permite observar cambios substanciais en canto a asentamento da poboación, expansión urbanística ou infraestruturas de comunicación. O IET considera estas imaxes de "gran valor", se ben a súa "falla de calidade" ou a ausencia de "datos técnicos" provoca que o proceso para ubicalas, xeorreferencialas e abrilas á consulta pública sexa "lento e difícil".

A Coruña

As expansión do porto, a construción do dique de abrigo e, en xeral, os terreos gañados ao mar son, probablmenete os cambios máis evidentes na fisonomía da Coruña nestes 70 anos. Na cidade captada por aquel voo estadounidense xa se distinguía o flamante novo estadio de Riazor, o único edificio próximo á Torre de Hércules era o cárcere e os terreos do que dous décadas despois tornaría no polígono de Agrela eran aínda leiras. Algunhas rúas que aínda  son arterias do centro da cidade como as máis próximas á praza de María Pita si presentaban, no entanto, trazados moi semellantes aos actuais.

Ferrol

As infraestruturas navais, tanto militares como civís, marcan tamén os cambios destas sete décadas en Ferrol. A harmónica traza urbana do centro da cidade obsérvase nunhas imaxes nas que a estrada de Castela transitaba entre leiras polo que actualmente son barrios enteiros ou a continuidade urbanística que chega ata o lindeiro concello de Narón. Todo isto ás beiras dunha ría que aínda non era cruzada pola ponte das Pías e á que aínda non se asomaban os estaleiros de Perlío nin, evidentemente, tampouco a autoestrada do Atlántico ou Reganosa.

Santiago

O Santiago de 1946 era unha cidade de algo menos de 50.000 habitantes que apenas se expandía alén da contorna histórica, cuxo trazado é practicamente idéntico ao de setenta anos despois. A expansión urbanística do Ensanche apenas comezara e barrios como Fontiñas, Pontepedriña, ou Vite eran aínda parte da contorna rural compostelá. Cara ao sur, o edificio que actualmente é sede do Parlamento funcionaba como cuartel militar sen apenas veciñanza e dende alí podíanse divisar sen dificultades montes como o Viso ou o Gaiás, daquela só un monte.

Lugo

A Muralla e o río Miño marcaban, como no século XXI, o Lugo de mediados do século XX. Aquela urbe de pouco máis de 40.000 habitantes non se estendía moito máis alá do recinto amurallado e era moi máis permeable que na actualidade á súa enorme contorna rural. Na zona norte destaca o que despois sería o popular barrio da Milagrosa, que apenas catro anos antes inaugurara a súa igrexa parroquial, aínda do Perpetuo Socorro e, cara ao oeste, as coñecidas como 'casas baratas' eran aínda chalés sen apenas veciñanza. No sur zonas actualmente moi poboadas como Fingoi ou Fontiñas non eran nin sequera un proxecto.

Ourense

No Ourense de mediados do século pasado non vivía nin un terzo do equivalente á poboación actual. Os barrios que medraron no norte da cidade, na contorna da estación ferroviaria, aínda non ocuparan o seu lugar e o curso do Miño, nalgunhas zonas máis estreito que na actualidade, era cruzado por menos pontes. Mentres, o trazado de vías como a avenida de Zamora ou a rúa do Progreso distinguíanse daquela cun trazado practicamente idéntico ao actual

Pontevedra

Só dúas pontes, a do Burgo e a da Barca, cruzaban en 1946 unha ría de Pontevedra na que as augas eran protagonistas tamén en áreas actualmente urbanizadas, como a contorna do campus universitario. Áreas de expansión da cidade como Campolongo aínda eran parte da contorna rural dunha cidade na que xa destacaba a súa Alameda e na que xa se distinguían conexións viarias como as da actual N-550.

Vigo

Vigo botouse sobre o mar para medrar, sobre todo industrialmente. Os recheos de Bouzas e, en xeral, o crecemento das instalacións portuarias son algunhas das mudanzas máis significativas nunha cidade na que, vista dende o aire, xa se distinguían arterias de comunicación como a Gran Vía ou puntos de referencia como a prazas de España e de América e mais a rúa de Urzáiz. Mentres, contornas como a do barrio de Lavadores eran aínda arrabaldos afastados dos principais centros da vida urbana.

Ciencia e tecnoloxía en Praza.gal ofrecida por

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.