Internet, aliado para o ensino

plataformaproyecta.org © Praza Pública

O profesorado hai tempo que realiza un uso moi intensivo da rede, sobre todo como fonte para a consulta e descarga de materiais e recursos de utilidade. Nos últimos anos foron xurdindo distintas páxinas, iniciativas e portais. O 10 de setembro preséntase proyecta.org, promovido pola Fundación Amancio Ortega, e que leva meses en probas, construíndose coas achegas de moitos usuarios, membros da comunidade educativa, que foron facendo suxestións.

Proyecta defínese como "unha plataforma virtual de traballo, encontro e intercambio" que fornece os ensinantes de "ferramentas para crear recursos educativos, formación especializada e materiais de aprendizaxe". Así mesmo, pon a disposición dos mestres e mestras "artigos sobre metodoloxía, para coñecer mellor os tempos de aprendizaxe e os procesos cerebrais dos alumnos, enlaces a experiencias didácticas innovadoras doutros docentes, así como video-tutoriais sobre ferramentas e aplicacións de uso educativo".

Así mesmo, para fomentar a participación na creación de recursos propios, Proyecta convocará distintos tipos de actividades formativas a xeito de concurso. Por exemplo, entre o día 15 de setembro abrirase o prazo de inscrición de primeira actividade formativa e concurso do portal: a través dunha ferramenta Moodle realizarase un curso formativo on-line sobre a elaboración de vídeos educativos, que incluirá un concurso no que se premiará o mellor vídeo creado entre todos os participantes.

 

Botóns

Botóns é unha revista en liña sobre información educativa, diríxida a toda a comunidade educativa, pero de xeito moi especial ás nais e pais

Hai ano e medio que está na rede Botóns.eu, unha revista en liña sobre información educativa, diríxida a toda a comunidade educativa, pero de xeito moi especial ás nais e pais e "aberta a toda a cidadanía interesada en saber máis acerca de como axudar, colaborar, contribuír e mellorar a educación dos cativos". Ofrece novas de actualidade relacionadas co mundo do ensino a nivel galego, español ou europeo; reportaxes e entrevistas máis elaboradas sobre temas de actualidade educativa. Tamén presenta propostas didácticas para o lecer en familia, recomendacións e análisis de expertos pedagogos, literatura de interese para a familia, e así mesmo suxestións audiovisuais ou soporte didáctico para diferentes iniciativas de lecer.

 

The Mill

The Mill ofrece formación rápida en globalización, tecnoloxía, deseño e emprendemento

Pero un sempre se está educando, non só nos anos de escola. Cada vez son máis as esixencias e necesidade de formación continua para traballadores, ou a curiosidade que leva a querer mellorar nunha área concreta. Con ese obxectivo nace theMill, un proxecto enfocado ás necesidades específicas de aprendizaxe e a dispoñibilidade de tempo e recursos de diferentes colectivos. The Mill é un proxecto de microformación ou "educación na nube", en palabras de Juan Freire, dirixido a emprendedores e profesionais que queiran configurar unha formación rápida e a medida en catro áreas consideradas esenciais no mundo actual: globalización, tecnoloxía, deseño e emprendemento.

Así, entre os primeiros cursos que ofrece están O pitch: Como presentar a túa empresa no que dura unha viaxe en ascensor ou Como evitar a "Morte por Powerpoint" realizando presentacións efectivas.

plataformaproyecta.org © Praza Pública
botons.eu © Praza Pública
themill.stepone.com © Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.