Investigadores da UDC presentan as súas recomendacións para limitar o uso de combustibles fósiles

O proxecto, coordinado por Ricardo García Mira, presentarase este martes en Bruxelas Dominio Público Praza Pública

O Consorcio LOCAW (Low Carbon At Work) liderado polo Grupo de Investigación Persona-Ambiente da Universidade da Coruña, organizará o vindeiro martes 10 de decembro, na sede do CSIC en Bruxelas, un Seminario Final co obxectivo de presentar ante a comunidade científica, as autoridades europeas e ambientais os resultados do proxecto de investigación europeo, tras tres anos de traballo.

O obxectivo do proxecto de investigación foi analizar os factores que favorecen ou impiden a transición de empresas e cidadáns cara a modelos sustentables de produción e consumo

O coordinador de LOCAW, o profesor de Psicoloxía Social e Ambiental da Universidade da Coruña, Ricardo García Mira, inaugurará o seminario, no que participarán, ao longo da xornada, os coordinadores dos sete grupos de investigación participantes, que achegarán as conclusións do proxecto e as recomendacións finais, orientadas a que políticos e xestores poidan promover con eficacia estratexias de loita contra o cambio climático.

O obxectivo do proxecto de investigación foi analizar os factores que favorecen ou impiden a transición de empresas e cidadáns cara a modelos sustentables de produción e consumo, creando un modelo integral que permita reducir as emisións de carbono no lugar de traballo como estratexia para loita contra o cambio climático. O proxecto de investigación foi financiado con 1,5 millóns de euros con cargo ao sétimo Programa Marco de I+D+i da UE.

Sinalan que as empresas convértense en espazos para a socialización e a construción e modificación de valores, e que polo tanto son lugares importantes para xerar cambios nos hábitos das persoas cara á limitación do uso de combustibles fósiles

O estudo centrouse en boa medida no papel das grandes empresas e organizacións, responsables dunha parte moi importante das emisións de gases contaminantes. Os investigadores sinalan que, a pesar de que a UE e os Estados membros aprobaron regulacións para limitar estas emisións, algunhas delas dirixidas especificamenta a algún sector ou empresa concretas, estas normas non foron suficientes en moitos casos para acadar unha redución efectiva. Por este motivo, o traballo levou a cabo estudos e recomendacións sobre os beneficios que pode traer a aprobación de medidas no entorno de traballo destas grandes compañías. Sinalan que as empresas convértense en espazos para a socialización e a construción e modificación de valores, e que polo tanto son lugares importantes para xerar cambios nos hábitos das persoas cara á limitación do uso de combustibles fósiles.

O traballo do Grupo de Investigación Persona-Ambiente da UDC centrouse en dúas insitucións: a propia Universidade da Coruña e o concello de Groningen; dúas grandes empresas: Shell e Volvo; e dúas compañías de servizos básicos: Enel e Aquatim.

O proxecto, coordinado por Ricardo García Mira, presentarase este martes en Bruxelas Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.