Investigadores da USC debullan a orixe do meteorito que no 2021 iluminou o ceo de Galicia: un evento que sucede cada 700 anos

Infografía que dá conta da traxectoria do meteorito caído en Galicia no ano 2021 e da órbita do seu "asteroide proxenitor" © USC

Na madrugada do 18 de xaneiro do ano 2021 moitas persoas no Bierzo, Galicia e Asturias viron como o ceo nocturno se iluminaba brevemente e con grande intensidade, cun grande estrondo. O superbólido correspondía a un asteroide de 1,15 metros e 2,62 toneladas

Na madrugada do 18 de xaneiro do ano 2021 moitas persoas no Bierzo, Galicia e Asturias viron como o ceo nocturno se iluminaba brevemente e con grande intensidade, cun grande estrondo que moitos inicialmente atribuíron a un terremoto ou a unha explosión. En realidade tratábase na entrada na atmosfera dun bólido de gran tamaño, un asteroide convertido nunha bola de lume que finalmente impactou contra o chan moi preto de Lebruxo (Baralla). Dous meses máis tarde un veciño atopou no lugar de Traspena (parroquia de Covas, Baralla) un meteorito de 527 gramos que sobreviviu ao ingreso na atmosfera e ao impacto.

Foi un feito histórico ao tratarse do primeiro meteorito rexistrado oficialmente en Galicia, pois a entrada na atmosfera sobre Galicia dun corpo deste tamaño só acontece de media cada 700 anos e cada 35 anos no conxunto da Península Ibérica. Ademais, non sempre se pode recuperar algún meteorito dalgún destes bólidos para levar a cabo un estudo completo. Isto non significa que vaia suceder de novo necesariamente dentro de sete séculos ou que non poida producirse antes, senón que as probabilidades de que obxectos desta magnitude ingresen nesta parte da atmosfera limitan estes acontecementos a unha media dun evento cada 700 anos.

Dous meses máis tarde un veciño atopou no lugar de Traspena (parroquia de Covas, Baralla) un meteorito de 527 gramos que sobreviviu ao ingreso na atmosfera e ao impacto

Agora, investigadores da USC veñen de calcular a traxectoria atmosférica e a órbita heliocéntrica do asteroide proxenitor do meteorito, uns resultados que recollen no traballo ‘O meteorito de Traspena: órbita heliocéntrica, traxectoria atmosférica, campo de dispersión, e petrografía dun novo condrito ordinario L5’, que será publicado en Monthly Notices of the Royal Astronomical Society, unha das revistas de astronomía máis prestixiosas do mundo. 

O equipo liderado polo profesor da Área de Astronomía e Astrofísica da Universidade de Santiago de Compostela (USC) na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo, Manuel Andrade Baliño, explica que o superbólido correspondía a un asteroide de 1,15 metros e 2,62 toneladas que entrou na atmosfera terrestre a 75 quilómetros de altura cunha velocidade de 15 km/s. É a primeira vez que o cálculo da traxectoria atmosférica e o da órbita heliocéntrica se realizan integramente por investigadores españois.

O brillo deste superbólido chegou a ser, como mínimo, unhas 50 veces superior ao da lúa chea. A entrada na atmosfera sobre Galicia dun corpo deste tamaño só acontece de media cada 700 anos

Na investigación detállanse os cálculos realizados polo astrónomo Manuel Andrade Baliño, empregando novos métodos e modelos matemáticos para determinar tanto a órbita heliocéntrica previa ao impacto e as posibles asociacións dinámicas con outros obxectos próximos da Terra, como a traxectoria atmosférica deste asteroide e a súa caída como meteorito.

A traxectoria atmosférica deste asteroide foi moi próxima á vertical, cun ángulo de entrada con respecto á superficie da Terra de 77 graos, penetrando moi profundamente na atmosfera ata chegar, xa fragmentado e cunha velocidade de 2,4 km/s, a só uns 15,7 km de altura, onde deixou de ser visible. Previamente, a investigación estima que o brillo deste superbólido chegou a ser, como mínimo, unhas 50 veces superior ao da lúa chea.

Imaxe do meteorito recuperado en Traspena © USC

Análise do meteorito

Para a realización das análises o meteorito orixinal foi dividido en dous fragmentos e varias láminas. O de maior tamaño, dado o seu elevado interese científico e simbólico, en breve será presentado ao público no Museo de Historia Natural da USC. O segundo fragmento será exhibido publicamente na casa do concello de Baralla

A análise do único meteorito recuperado realizouse en diversos laboratorios españois cunha amálgama de técnicas microscópicas, espectroscópicas e magnéticas que permitiron un estudo detallado da súa natureza e composición. Concluíuse que pertence á familia dos condritos ordinarios, subgrupo L5, un tipo común de meteoritos procedentes do cinto de asteroides situado entre Marte e Xúpiter, que conteñen tanto partículas de silicatos como partículas metálicas e cuxo estudo permite obter información moi valiosa sobre a orixe e evolución do noso sistema planetario. Dende a USC destácase que os meteoritos son obxectos moi prezados pola ciencia porque representan os elos máis primitivos a partir dos cales se formaron os planetas, a Terra incluída.

Para a realización das análises petroquímicas o meteorito orixinal foi dividido en dous fragmentos e varias láminas. O de maior tamaño, dado o seu elevado interese científico e simbólico, en breve será presentado ao público no Museo de Historia Natural da USC, que vén de acadar o status de repositorio oficial da The Meteoritical Society, a organización internacional encargada de rexistrar todos os meteoritos coñecidos e de autorizar o seu nome oficial. Por outra parte, o segundo fragmento será exhibido publicamente na casa do concello de Baralla.

Órbita do asteroide

A singularidade do meteorito de Traspena reside en que é un dos poucos casos no mundo para o cal foi posible determinar con precisión a órbita heliocéntrica, previa á colisión coa Terra, do seu corpo proxenitor

O corpo proxenitor deste meteorito era un asteroide pertencente ao grupo dos Apolo, o cal forma parte dos chamados asteroides próximos da Terra (NEA), que se movía arredor do Sol completando unha volta cada 1,19 anos e cruzando as órbitas de Venus e Marte.

A singularidade do meteorito de Traspena reside precisamente en que é un dos poucos casos no mundo para o cal foi posible determinar con precisión a órbita heliocéntrica, previa á colisión coa Terra, do seu corpo proxenitor, aumentando así o seu interese científico.

Localización do impacto do meteorito © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.