Jesús Vázquez promete que as taxas universitarias non subirán máis

Jesús Vázquez, conselleiro de Educación © Xunta

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, asegurou este venres que as taxas universitarias en Galicia non subirán máis para que "a mocidade non pague os efectos da crise". Así o afirmou con rotunidade no Fórum Europa e diante dos rectores das universidades de Vigo e Santiago. "Eles saben cal é a nosa opinión", insistiu.

O conselleiro di que non quere que "a mocidade non pague os efectos da crise"

Neste curso 2012-2013 en Galicia conxeláronse as primeiras matrículas, mentres que as segundas, terceiras e cuartas matrículas das materias soben entre un 20 e un 90%, aínda que será un incremento progresivo, a razón dun terzo de suba cada curso até o ano académico 2014-2015. O obxectivo era cumprir co decreto aplicado polo ministro Wert pero co mínimo incremento posible, algo que valoraron os reitores, que, no entanto, non tiñan seguro que esta decisión se mantivese para os futuros cursos.

Así, o conselleiro Vázquez, aínda que remarcou o "momento moi difícil" da Administración pública, destacou que "é un compromiso" do Goberno galego e dos reitores non realizar máis subas de taxas para que "a mocidade non pague os efectos da crise".  "É unha aposta deste Goberno e contou co apoio dos reitores desde o primeiro momento", sinalou, tras engadir que aposta por que as universidades traballen por ser "de excelencia, internacionais e de recoñecemento".

A Xunta prevé compensar os recortes cunha achega de seis millóns procedente da suba de taxas, unha cantidade que non se alcanzará

No entanto, as contas non cadran. A redución de 22 millóns de euros no plan de financiamento para as universidades galegas dividíase en dous partes. Algo máis de 16 millóns de euros serían un recorte directo, mentres que os seis millóns restantes compensaríanse, precisamente, cos seis millóns que se acadarían de maneira extra coa suba das taxas que paguen os alumnos. Os cálculos de numerosos expertos -máis aínda tendo en conta a diminución en número de matrículas e en créditos matriculados- apuntan que a achega deste incremento no importe alcanzaría, como moito, o millón de euros. "Non é crible", aseguran fontes de colectivos universitarios contrarios aos recortes.

De feito, a disxuntiva agora é clara: ou a Xunta reduce a contía prevista do recorte nas universidades galegas ou terá que meter as tesoiras noutros ámbitos se quere cumprir coa súa promesa de redución. As contas non dan. Curiosamente, o PP non presentou emenda ningunha neste aspecto á Lei de Orzamentos da Universidade.

  

Jesús Vázquez, nun acto público recente © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.