A Illa de San Simón acolle, mércores e xoves, a segunda edición do encontro #NeThinking, que reune expertos en redes sociais e comunicación en rede, como Antonio Delgado, Eduardo Arcos, Marilín Gonzalo, Javier Celaya ou Mario Tascón. Nas dúas xornadas do evento debaterase sobre os cambios que Internet está provocando na comunicación, tanto nos hábitos coma nos modelos de negocio do xornalismo e da cultura.
Mario Tascón, consultor e director de Prodigioso Volcán, foi clave nos lanzamentos dalgúns dos proxectos de comunicación dixital máis exitosos no Estado español. En 1994 creou elmundo.es e converteu a páxina en líder da comunicación en castelán. Entre 2000 e 2008 foi director de contidos de Prisacom e máis recentemente foi un dos impulsores de LaInformacion.com, que abandonou o pasado ano.
En que medida as redes sociais e as ferramentas de comunicación online están modificando os hábitos comunicativos dos cidadáns?
Hai unha grandísima parte da comunicación que é pública, non privada; agora hai cousas que se escriben e que as ve toda a xente. E tamén en termos de globalidade: lemos a xente de todo o mundo e influímonos mutuamente. Dilúense as fronteiras entre o público e o privado, e a clave non está en definir novas fronteiras, senón en entender que eses conceptos son distintos a como os coñecemos. Ademais, o poder está máis distribuído: Antes os medios tiñamos o monopolio da xerarquización da información, e agora iso fanno as redes sociais tamén. Antes os medios fabricabamos a información, e agora tamén o fan directamente os cidadáns. Antes facía falta unha concesión administrativa ou facer un grande investimento económico para difundir contidos. Agora todos poden publicar
Os medios están adaptándose a estes cambios coa velocidade necesaria?
Están cambiando os hábitos da xente e con eles os modelos de negocio dos medios de comunicación. Os vellos modelos derrúbanse, e a reconversión non é sinxela. Están aparecendo medios novos e novos actores, que están tendo un papel importante. Os cambios, ademais, son moi rápidos. Hai de todo. En moitos medios prima máis o medo ao que poden perder que a comprensión das oportunidades que se abren.
Como vai afectar a Lei Sinde-Wert, da que esta semana coñecemos as primeiras denuncias concretas contra webs?
Afecta negativamente, porque esta lei vai ralentizar o desenvolvemento das industrias dixitais en España. Cercena as posibilidades de crecemento de moitos negocios honrados e lexítimos, non estamos falando de megaupload. Vainos situar a España á cola e dificulta o desenvolvemento económico pero tamén o cultural. Internet é un espazo que incomoda moitos poderes tradicionais, ese empoderamento dos recepctores e de novos actores non lles gusta a certos poderes dominantes. A lei Sinde-Wert está moi ligada a intereses económicos alleos a España, por exemplo os da industria norteamericana do entretemento.