Milleiros de estudantes saíron este mércores ás rúas das principais vilas e cidades galegas para protestar contra a política educativa do Goberno central e rexeitar os recortes na educación pública que leva a cabo tanto a Xunta como o Ministerio de Educación, dirixido por José Ignacio Wert e que foi o branco das críticas dos mozos nunha xornada na que continuaba a folga na educación secundaria.
Os estudantes pediron a dimisión do ministro Wert e reivindicaron o ensino "como un dereito e non como un privilexio"
A convocatoria, do Sindicato de Estudantes e secundada tamén por Comités, Liga Estudantil ou Galiza Nova, contou cun importante apoio malia o mal tempo que sufriu o país durante toda a xornada. "O ensino é un dereito e non un privilexio" ou "aquí está, aquí se ve, o estudantado galego en pé" foron algunhas das consignas máis repetidas polos manifestantes, que coas súas pancartas deixaron claro tamén o seu rexeitamento ao ministro Wert, do que pediron a dimisión, non só pola súa política educativa, senón tamén polas súas últimas polémicas declaracións.
Unha das manifestacións máis concorrida foi a de Santiago de Compostela, onde centos de rapaces se concentraron na praza do Toural para marchar logo cara á San Caetano. No entanto, tamén foron moi numerosas as protestas da Coruña ou de Vigo, así como as celebradas en numerosas localidades, máis de vinte ao longo de toda Galicia. O seguimento da folga foi desigual.
En canto ao conxunto de Estado, as principais manifestacións celebráronse en Madrid e Barcelona, onde se reclamou claramente a dimisión de Wert, ao que cualificaron de "franquista" e "cavernícola". Segundo os convocantes, unhas 40.000 persoas saíron á rúa na capital de España, unha cifra que fontes policiais reducen a 5.000.
Jorquera pide á mocidade "que se rebele co seu voto"
Por outra banda, Francisco Jorquera, candidato do BNG á Xunta, acudiu á manifestación da Coruña e apelou á mocidade a que "a súa rebeldía se traduza nun voto rebelde, por unha forza política que vai ser insumisa cos recortes, que vai facer do ensino público unha prioridade e que vai plantar cara aos recortes, o BNG”.
Ademais, afirmou que “recortar no ensino é o mesmo que recortar no futuro dun país, na formación da mocidade, o mesmo que ofrecer á mocidade como futuro unha maleta para que se gañe a vida despachando copas en Londres”.
En opinión de Jorquera “o que acontece obedece a un deseño, unha aposta do PP para que exista un ensino para ricos e outro para pobres porque mentres se recorta no ensino público os centros privados benefícianse dos programas para mellora da calidade educativa ou o goberno Feijóo subvenciona centros de ensino que separan nenos e nenas”.
Fronte a estas políticas, Jorquera defendeu as do BNG que apostan “desenvolver e dotar de máis calidade o ensino público para formar a mocidade e que poida vivir e traballar dignamente de Galiza e modificar o modelo de crecemento que nos levou a esta crise”.