Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz renuníronse esta mañá con representantes da Plataforma pola Defensa do Ensino Público. O voceiro e a vicevoceira do Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda cualificaron o Anteproxecto da Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa como “regresivo, antidemocrático" e afirmaron que nos devolve "aos tempos de Franco”.
AGE anunciou a este respecto que esixirá a comparecencia no Parlamento do futuro presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, para que explique ante a cámara a súa postura ante o anteproxecto da LOMCE. Os deputados da coalición de esquerdas tamén se comprometeron cos representantes da Plataforma a trasladar todas as súas propostas ao Parlamento de Galicia.
Mercantiliza, recentraliza e segrega
Critica que a LOMCE "concibe o sistema educativo público galego como unha oportunidade para o negocio privado, apostando pola xestión empresarial dos centros públicos"
No escrito que o Grupo Parlamentario de AGE lle presentou á Mesa do Parlamento, interpela o Goberno da Xunta en relación co anteproxecto do Goberno central "coñecido orwellianamente como LOMCE" e cuxas disposicións "afectan ás competencias en materia de educación que ostenta o noso país". AGE denuncia que o proxecto "invade competencias da Xunta de Galicia en materia curricular e degrada outros aspectos sobranceiros do noso sistema público educativo"
Critica sobre todo que a LOMCE "concibe o sistema educativo público galego como unha oportunidade para o negocio privado, apostando pola xestión empresarial dos centros públicos" e "afoga a participación da comunidade educativa ao deixar os concellos escolares como meros órganos de consulta". Denuncia que legaliza "a discriminación por razón de sexo financiada con cartos públicos" e expresa "unha inequívoca vontade clasista e segregadora para deixar fóra as fillas e fillos de clase traballadora".
AGE acusa o PP de "mercantilizar un dereito para reducilo a un negocio, que en troques de formar persoas con espírito crítico e en valores emancipadores quere conformar unha man de obra submisa"
Para AGE a lei tenta "recentralizar-españolizar empregando as verbas do ministro estatal de educación" os curriculos e as directrices pedagóxicas" e aposta por reducir a carga lectiva a uns contidos mínimos. En resumo AGE acusa o PP de "mercantilizar un dereito para reducilo a un negocio, que en troques de formar persoas con espírito crítico e en valores emancipadores quere conformar unha man de obra submisa e coas habelencias técnicas mínimas necesarias para o mercado laboral da globalización capitalista".