Somos Acó. Así se titula o documental que vén de sacar á luz Fílmika Galaica. Unha reportaxe que “denuncia o sufrimento das familias do rural galego polo desmantelamento das escolas públicas por parte da Administración”, pero que tamén amosa, como aclaran os creadores, “a esperanza e loita destas familias para defender o rural como medio para desenvolver unha vida digna e con futuro”.
O documental reflicte mediante variados testemuños a crítica situación pola que pasa o rural e, nomeadamente, as súas escolas
Dirixido e producido por Seném Outeiro e Roi Carballido, o documental pretende reflectir mediante variados testemuños a crítica situación pola que pasa o rural e, nomeadamente, as súas escolas. Desde hai meses, plataformas en defensa da educación no rural e numerosas anpas, apoiadas por sindicatos e colectivos sociais, denuncian os recortes na educación das pequenas aldeas galegas. Redución de profesores e especialistas, reagrupamentos dos cativos de catro ou cinco niveis nunha mesma aula, falta de material e medios.
En definitiva, “unha clara de situación de discriminación onde non se garante o dereito á igualdade de oportunidades para os nenos e nenas da montaña e do rural”, tal e como se denunciou o pasado 12 de setembro nunha manifestación que culminou unha marcha reivindicativa de familias que comezara xa en xullo.
Precisamente, Somos Acó repasa a través das denuncias de pais e profesores a situación do ensino no rural á vez que intercala imaxes e testemuños desa manifestación final no comezo de curso.
"Cando o rural peche, haberá que seguir comendo e do rural sae a verdura ou a carne
“Quitándonos a educación están facendo que pechemos as casas e busquemos a vida noutras sitios, pero somos moitos e nas cidades non vai haber sitio para todos; cando o rural peche, haberá que seguir comendo e do rural sae a verdura ou a carne”, conta no documental María Jesús Neira, nai do Incio, que cre que os están “matando pouco a pouco”. “Queren que volvamos á antigüidade”, insiste.
“Canto máis cedemos, máis nos recortan”, di tamén Vanessa Fernández, unha muller de Samos, que denuncia como os seus fillos e compañeiros comparten dúas aulas para todos os cursos e ciclos no colexio. “Estase expulsando os nenos do medio rural para que non vivan nel, ao igual que se expulsa as parellas novas do rural; ao Goberno débelles molestar por varias razóns”, asegura tamén Pedro Rodríguez, de Samos.
Unha a unha, varias persoas van definindo a situación das súas aldeas, a despoboación, a falta de recursos nas escolas ou as dificultades tanto dos docentes como dos alumnos para recibir unha educación ao nivel da de vilas e cidades. “Temos os mesmos dereitos que os que non viven no rural”, insisten. “Porque unha zona rural sen nenos, morre”,